O BNG co Modelo Pontevedra
Asistimos, máis unha vez, a un ataque de toda a oposición ao multipremiado Modelo Pontevedra que o BNG leva desenvolvendo desde que accedeu á alcaldía de Pontevedra e que foi avalado nas últimas eleccións municipais.
Nada que non mirasemos outras veces
No seu momento a oposición foron os partidos españois, o PP e o PSOE; agora a oposición volven ser os partidos españois, o PP, o PSOE, Marea e Cs.
Daquela recurriron a sarillos xurídicos e agora pretenden aprobar unha ordenanza co único obxectivo de cargarse o modelo.
Antes e agora, coa mesma covardía política, quixeron rebentar, pola porta de atrás, o Modelo que ten Pontevedra e Galiza convertidas en referentes mundiais e, o que é máis importante, que está a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas.
Nin un paso atrás
As veciñas e veciños, e o BNG non imos permitir que ningunha manobra nen trampa política fagan recuar os avances de Pontevedra.
Que pretende a oposición?
A proposta pola oposición española (PP, PSOE, Marea e Cs) no Concello de Pontevedra provocaría gravísimas consecuencias para o Modelo Pontevedra:
a. Redutores no rural: habería que suprimir todos os actualmente existentes e quedaría prohibido instalalos no futuro.
b. Redutores nas vías urbanas: Habería que eliminar a maioría dos actualmente existentes e, caso de sobrevivir algúns, habería que modificalos con actuacións costosas e disfuncionais.
c. Autobuses de plataforma baixa: Terían graves problemas para transitar por enriba dos redutores instalados segundo a norma aprobada inicialmente. Posibelmente a única solución realista fose eliminar todos os redutores polas vías nas que circulen estes autobuses.
d. Sobre as velocidades: Habería graves dificultades para manter velocidades baixas na cidade coa eliminación masiva dos redutores, coas consabidas consecuencias de aumento dos accidentes, diminución da seguranza de peóns, problemas coa autonomía dos nenos e nenas, aumento de sancións por exceso de velocidade, etc.
e. Problemas de accesibilidade: Na actualidade os peóns son e sábense con prioridade, xa que son eles os que van a nivel, e os vehículos os que teñen que cambiar de nivel. Coa nova ordenanza que pretende a oposición, a accesibilidade universal acadada en Pontevedra verase seriamente agredida.
A imaxe de Pontevedra
Que un modelo urbano como o de Pontevedra, recoñecido e premiado pola Dirección Xeral de Tráfico, pola ONU Hábitat, polo CERMI, polo Center for active design New York, por Intermodes, Bruxelles, en Hong Kong, e un moi longo etcétera, poida verse obrigado a eliminar a maioría dos redutores de velocidade ou substituilos por outros disfuncionais e, con esta eliminación, dar unha enorme volta atrás, tería unha enorme repercusión negativa, tanto para Pontevedra como para todo o movemento universal para acadar cidades máis amábeis, máis seguras, máis accesíbeis, máis humanas, máis ecolóxicas, máis a medida dos nenos e nenas, máis de futuro.
Non debemos esquecer as importantes consecuencias que tamén tería esta modificación da nosa imaxe internacional para a promoción económica de Pontevedra fóra da Galiza como un destino de referencia pola súa calidade urbana.