DENTRO DA PROGRAMACIÓN DO SAN XOÁN

O concello de Caldas organiza unha subida ao Xiabre para ver o solsticio de verán na laxe dos Bolos

O concello de Caldas organiza unha subida ao Xiabre para ver o solsticio de verán na laxe dos Bolos

Caldas, 17 de xuño de 2025. O Concello de Caldas ten organizada unha programación máis completa que nunca para este San Xoán 2025. O tenente de alcalde Manuel Fariña decidiu incluír como novidade unha subida ao Xiabre para ver o solsticio de verán na Laxe dos Bolos que se sumará á tradicional saída para recoller herbas, a sardiñada popular na contorna do Bermaña, aos pasarrúas, a unha performance con lume e a moita música para pechar a noite. 

Fariña explica que este ano a Concellería de Festas quixo poñer en valor o santuario da Laxe dos Bolos, lugar onde se produce unha aliñación astronómica durante o solsticio de verán, cando o sol nace polo monte Xesteiras e se reflexa directamente no petróglifo. Para explicar isto, e tamén a relación do sol e coa existencia durante a protohistoria de posibles rituais das comunidades que habitaban o territorio con danzas e música, organizarase unha saída o domingo 22 ás 6,15 da mañá. 

A intención é ver ‘danzar o sol’ na súa saída polo horizonte na compaña da arqueóloga experta no santuario Elena Cabrejas, autora do libro ‘O santuario de Laxe dos Bolos. Cando o sol alumea a vella montaña’. Para participar é preciso inscribirse no 986 54 01 10 (ext. 5) e estar na rotonda de Saiar á hora marcada. 

Xa o luns 23 a xornada será do máis completa: a partir das 18 horas (con saída do Auditorio), haberá un obradoiro de herbas de San Xoán dirixido por Pepe Bragaña, que acompañará ás persoas participantes para recoller as tradicionais sete prantas básicas que forman o ‘cacho’ co que lavar a cara e facer o ritual protector da noite máis curta do ano. 

Ás 20.30 comezarán os pasarrúas da charanga ‘Os encerellados’ e unha hora despois dará comezo a sardiñada. Repartiranse, totalmente de balde, unhas 1.000 racións de sardiñas e pan, habendo tamén polbo e churrasco a prezos populares. Media hora antes do prendido das fogueiras comezará o espectáculo de lume ‘Fire performance’ con malabares a cambio da compañía ‘Asacocirco’. Na media noite terá lugar o momento máis agardado para celebrar a chegada do verán: o acendido da gran cacharela no medio do río Bermaña. Para rematar, haberá unha sesión de DJ no Campo da Torre a cargo de ‘A Duendeneta’.

Fariña fai unha chamada a veciñas e veciños de Caldas a asistir a todas as actividades e pasar unha boa noite na cita máxica de San Xoán. O nacionalista destaca que haberá moitas cacharelas nas parroquias, polo que fixo unha chamada á responsabilidade e a só prender as fogueiras autorizadas nas condicións marcadas de seguridade.  

O concello de Caldas organiza unha subida ao Xiabre para ver o solsticio de verán na laxe dos Bolos