Barro celebra a súa Festa do Viño máis multitudinaria con récord de público e viño degustado

Festa do Viño de Barro
Festa do Viño de Barro
Barro celebra a súa Festa do Viño máis multitudinaria con récord de público e viño degustado

Barro, 17 de xuño de 2025. A XLVI edición da Festa do Viño de Barro pechou o pasado domingo consolidada como unha das citas máis importantes do panorama vitivinícola galego. Cun ambiente extraordinario e un programa pensado para todos os públicos, esta edición pasará á historia como a máis multitudinaria de todas, tanto polo número de asistentes como polo volume de viño consumido. As 22 marcas participantes practicamente esgotaron as súas existencias, algo sen precedentes nesta celebración, o que confirma o tirón crecente desta festa que medra edición tras edición.

Desde o Concello de Barro sublíñase que esta non foi só unha festa para degustar viño, senón unha oportunidade para poñer en valor o traballo das adegas locais e da veciñanza que mantén viva a tradición vitivinícola no municipio. O evento converteuse nun verdadeiro escaparate para os viños da zona, fusionando tradición, cultura e identidade local.

Xantar Festa do Viño de Barro
Xantar Festa do Viño de Barro

O xantar popular, que tivo lugar o domingo ao mediodía, congregou a 500 persoas nunha carpa ateigada de bo ambiente, risas e convivencia. Un espazo que, máis alá do viño, foi punto de encontro interxeracional e símbolo do espírito comunitario de Barro.

No ámbito da calidade vitivinícola, o XVIII Certame de Viños D.O. Rías Baixas reafirmou a excelencia das bodegas participantes. O primeiro premio foi para o viño “Sin Palabras” da adega Castrobrey, mentres que o segundo recaeu na adega Rozas e o terceiro en Moraima, da cooperativa Viña Moraima.

Tampouco faltaron os recoñecementos aos mellores viños caseiros do municipio, con premios en cinco categorías diferentes, que celebran a riqueza e diversidade das elaboracións particulares que seguen a formar parte esencial da nosa identidade: Branco País: José Manuel Eirín García, Tinto País: Cándido Rivas López; Caíño: Guadalupe González Casal; Albariño: José Manuel Eirín García e en Elaboracións Especiais a Familia Barcala Burés.

Festa do Viño de Barro
Festa do Viño de Barro

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, fixo unha valoración moi positiva da festa: “Vivimos unha edición histórica. Non só polo récord de participación, senón polo ambiente de unión, alegría e orgullo que se respiraba en cada actividade. Esta é unha festa feita co corazón, grazas ao esforzo de moita xente, e para nós é unha prioridade seguir coidándoa e mellorándoa cada ano”.

O concelleiro responsable da festa, Iván Bello, quixo agradecer especialmente o traballo das persoas voluntarias e colaboradoras: “Sen os asadores das sardiñas, o equipo de Protección Civil, persoal municipal e o voluntario encargado da xestión do viño e da organización, e tantos outros que traballan silenciosamente, esta festa non sería posible. A súa entrega é a receita do éxito, o que fai que a Festa do Viño de Barro sexa un éxito colectivo, e por iso seguimos medrando ano tras ano”.

Actiuación da Banda de Música Xuvenil de Barro
Actiuación da Banda de Música Xuvenil de Barro

A programación da festa combinou música, actividades culturais, animación infantil e tradición. O broche final púxoo a Banda de Música Xuvenil de Barro, que volveu demostrar por que é un dos maiores orgullos culturais do municipio. Acompañada nesta ocasión polo cantante Antonio Barros, ofreceron un concerto que fixo vibrar o público cun emocionante percorrido pola música galega contemporánea. Foi unha actuación memorable, que reafirma o enorme talento e compromiso artístico dunha formación que, edición tras edición, engrandece o peche da Festa do Viño e emociona á veciñanza.

A XLVI Festa do Viño de Barro deixa así un sabor inesquecible, coa mirada xa posta na edición número 47, que sen dúbida terá o reto de superar unha celebración que pasará aos libros da historia local como unha das máis exitosas e emocionantes.

Barro celebra a súa Festa do Viño máis multitudinaria con récord de público e viño degustado