O Concello de Caldas divulga entre o público local do municipio a riqueza medioambiental da contorna do Botánico e da Carballeira

Manuel Fariña na Carballeira
Manuel Fariña na Carballeira
O Concello de Caldas divulga entre o público local do municipio a riqueza medioambiental da contorna do Botánico e da Carballeira

Caldas, 22 de maio de 2026. O Concello de Caldas de Reis, dentro da súa campaña de divulgación do proxecto “Xardín Botánico e Carballeira de Caldas de Reis. Museo Aberto 24/7”, vén de informar ao público local, representado nunha selección de 30 asociacións e colectivos locais do sector turístico, comercial e de servizos da vila, sobre a diversidade botánica e as características dos xardíns do municipio para achegarlles todos os traballos realizados no Botánico e na Carballeira de Caldas e poñer en valor estes espazos naturais.

Os representantes das asociacións e colectivos locais que participaron na xornada divulgativa este venres 22 de maio foron informados de todas as características e especificidades do xardín Botánico e da Carballeira de Caldas, que estivo en obras estes últimos meses e que rematarán este mes de maio, ademais de levar a cabo actividades de participación para que, de forma directa, poidan poñer en valor todo o potencial medioambiental que ten o concello.

A xornada divulgativa do proxecto, celebrada o venres 22 de maio, insírese dentro da campaña de divulgación do proxecto, organizada pola concellería de Cultura caldense e contou coa participación dunha trintena de asociacións e colectivos.

Así pois, os asistentes, representando a 30 asociacións e colectivos caldenses, levaron a cabo unha visita guiada polo tenente de alcalde, Manuel Fariña, no exterior do Botánico, onde se realizaron paradas estratéxicas para falar da historia do xardín e do seu valor medioambiental, con especial énfase nas especies singulares e na colección de camelias.

Na visita tamén se lles ensinou e explicou aos asistentes todos os traballos que se levaron a cabo nestes últimos meses, explicando de primeira man a restauración integral do Botánico: co novo mobiliario, iluminación nocturna, eficiencia e sostibilidade… O acto rematou cunha dinámica participativa nas bancadas do Botánico na que os asistentes daban a súa opinión sobre  “Que é para ti o Botánico”.

Ampla campaña de divulgación

A campaña de comunicación que está a levar a cabo o Concello de Caldas durará ata finais de maio e nas vindeiras semanas acompañarase coa realización de accións de divulgación a través da páxina web do proxecto, co reparto de folletos informativos e con varios eventos coa cidadanía, ademais da charla informativa xa realizada a comezos deste mes coa comunidade escolar.

Ademais, o Concello celebrará un grande evento de apertura cando finalicen os traballos de mellora que devolverán ao Botánico de Caldas todo o seu esplendor que se espera que sexa o vindeiro sábado 30 de  maio.

“Museo Aberto 24/7” é un proxecto impulsado polo Concello de Caldas de Reis e conta cun orzamento total de 1.452.000 € e está financiado con Fondos NextGeneration EU, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), a través da Secretaría de Estado de Turismo.

Museo botánico ao aire libre, accesible as 24 horas

O proxecto está baseado no concepto de museo aberto 24/7, accesible as 24 horas do día, e entre os principais fitos destacan a rehabilitación integral do parque, a creación dun Centro de Visitantes - Museo 24/7, a dixitalización da experiencia e un evento nocturno de videomapping no Paseo dos Plátanos.

Durante as pasadas semanas, o Concello retirou especies invasoras e plantou 74 novos carballos e exemplares que estiveron no Botánico hai anos. Tamén reformou o Parque dos Choróns, renovou o mobiliario urbano, como bancos e farolas, e ten previsto instalar unha nova estatua dedicada a Francisco Alcarraz, o diseñador do Botánico orixinal en 1884.

Esta actuación inclúe unha nova iluminación ornamental que vai poñer en valor a riqueza patrimonial do Botánico de Caldas. Ademais a experiencia nocturna vaise completar cun espectáculo de videomapping no Paseo dos Plátanos, no que a luz, as copas das árbores e o chan crearán unha atmosfera envolvente.

Información e experiencia inmersiva

No ámbito exterior, estanse a instalar varios puntos de información con códigos QR para coñecer as especies senlleiras, a historia do BIC e todos os recursos patrimoniais deste espazo emblemático. 

En canto o Centro de Visitantes - Museo 24/7, os traballos están en marcha e finalizarán a finais de maio. O centro estará aberto as 24 horas do día e o acceso será automático a través dun código QR. 

O museo ofrecerá unha experiencia interpretativa e inmersiva de vangarda que combina realidade aumentada e intelixencia artificial, e permitirá á veciñaza e aos visitantes descubrir e interpretar a historia, a natureza e a memoria viva do Botánico e da Carballeira de Caldas.

O Concello de Caldas divulga entre o público local do municipio a riqueza medioambiental da contorna do Botánico e da Carballeira