O Concello de Barro perdeu a oportunidade dotar de auga a todo o municipio
Cando en 2010 se empezou a falar do plan de Acuanorte para a mellora do subministro de auga potábel aos concellos do entorno de Pontevedra, o BNG propuxo que se adherise o concello de Barro, xa que sería a solución definitiva para dotar dun servizo de auga potábel tanto aos polígonos industriais, como a todos os veciños e veciñas do concello. Para o concello de Barro adherise a este plan significaría dispoñer de auga suficiente, de calidade e barata, xa que non sería necesario ningún bombeo, ao encontrarse o depósito máis alto que todas as súas parroquias.
O goberno municipal do PP rexeitou o convite feito polo Concello de Pontevedra para sumarse ao resto dos concellos do seu entorno, e apostou por outra solución para a falta de dotación do servizo de auga ao polígono de Curro: abastecerse do río Chaín dende Briallos, no concello veciño de Portas.
A solución elexida polo PP ten graves eivas:
- É unha alternativa excesivamente cara, porque ademais da distancia dende o punto de captación hai que salvar un grande desnivel a base de bombeos, co que implica de custe enerxético e de mantemento, así como de posíbeis avarías.
- Non permite dotar de subministro de auga potábel a todo o Concello, nin garantiza o subministro durante todo o ano. De todos é coñecido que durante varios meses ao ano o río Chaín leva un caudal mínimo, o que obrigará a buscar outras solucións, tal e como recoñeceu en setembro de 2010 o Presidente da Deputación diante das denuncias efectuadas polo BNG.
Estes días procedeuse a asinar, por parte dos concellos do entorno de Pontevedra, o convenio con Acuanorte, no que, ademais, se confirmou que os concellos só terán que pagar o 15% do custe das obras. O feito de que o noso concello non forme parte deste plan supón outra oportunidade perdida para que os veciños e veciñas de Barro empecemos a ter uns servizos públicos como teñen nos demais concellos do entorno.