O Concello de Barro pecha cun balance moi positivo a programación de Nadal

O Concello de Barro pecha cun balance moi positivo a programación de Nadal

Barro, 8 de xaneiro de 2026. O Concello de Barro fai unha valoración moi satisfactoria da programación de Nadal, unha vez rematadas as actividades, destacando a alta participación da veciñanza, a implicación dos colectivos locais e a consolidación dun modelo de Nadal pensado para todos os públicos, que volveu converter o Pazo da Crega nun espazo central de encontro, convivencia e celebración.

Tanto o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, como o concelleiro de Cultura, Adrián Silva Magdalena, coinciden en subliñar que a resposta da veciñanza foi “moi positiva” e que a programación conseguiu cumprir o seu principal obxectivo: ofrecer un Nadal vivo, participativo e accesíbel, no que tiveron cabida persoas de todas as idades. “O Nadal en Barro segue a ser unha experiencia colectiva, construída entre todas e todos, que reforza os lazos comunitarios e pon en valor o noso”, sinalou o alcalde.

Un dos aspectos máis destacados desta edición foi, un ano máis, a ambientación do Pazo da Crega, que volveu sorprender pola súa coidada decoración e pola creación dun espazo acolledor e cheo de simbolismo, que recibiu centos de visitas ao longo das festas e se consolidou como un dos principais atractivos do Nadal barrense. A implicación das persoas voluntarias e dos colectivos locais foi fundamental para facer posíbel esta ambientación, que xa forma parte da identidade destas datas no concello.

Desde o Concello saliéntase tamén a ampla variedade de propostas desenvolvidas, pensadas para públicos moi diversos, o que permitiu unha participación constante ao longo de todo o Nadal. Especial mención merece a alta asistencia ás actividades dirixidas á infancia e á mocidade, así como a excelente acollida dos obradoiros de Nadal, que rexistraron unha elevada participación e confirmaron a necesidade de seguir apostando por propostas educativas e de lecer para as nenas e nenos durante os períodos non lectivos.

Outro dos momentos que se consolida dentro da programación é o acendido do tizón de Nadal, unha tradición recuperada nos últimos anos que volveu contar cunha grande resposta da veciñanza e que xa se identifica como unha cita propia e singular do Nadal en Barro. Do mesmo xeito, a Cabalgata de Reis volveu rexistrar unha participación moi elevada, tanto na recepción das crianzas como no percorrido posterior, pechando as festas cun ambiente de ilusión e celebración compartida.

O Concello destaca tamén o éxito do concerto de “O Quebranoces”, protagonizado pola Banda Xuvenil de Barro xunto co Ballet de Galiza, que se converteu nun dos grandes fitos culturais desta edición e puxo de manifesto o alto nivel das formacións locais e a capacidade do concello para acoller espectáculos de gran formato e calidade.

O concelleiro de Cultura, Adrián Silva Magdalena, subliñou que “esta programación demostra que, con traballo, coordinación e implicación social, é posíbel ofrecer un Nadal diverso, de calidade e con identidade propia”, e avanzou que desde o Concello xa se comeza a traballar para seguir mellorando e reforzando este modelo nas vindeiras edicións.

Desde o Concello de Barro agradécese expresamente a participación da veciñanza, o compromiso dos colectivos culturais e sociais, e o traballo das persoas voluntarias, cuxa colaboración resulta imprescindíbel para que o Nadal en Barro siga medrando e consolidándose como unha das celebracións máis queridas e recoñecíbeis da contorna.

O Concello de Barro pecha cun balance moi positivo a programación de Nadal