FERNANDO MALVAR E XOSÉ MANUEL CAL SUBSTITUIRÁN A SOL SEOANE E XABIER LOURENZO
O BNG renova o seu grupo municipal en Ponte Caldelas
Ponte Caldelas, 12 de xaneiro de 2026. Os actuais concelleiros do BNG deixarán os seus postos no salón de plenos por motivos persoais, e seguirán traballando por Ponte Caldelas man a man cos novos representantes do BNG no concello.
Ceden os seus postos a dous militantes con gran capacidade de traballo e que asumen o encargo con enorme ilusión e gañas de traballar para mellorar o día a día da veciñanza. O seu traballo porá o foco na necesidade de creación de vivenda pública, mellora dos servizos sociais e na maior participación co tecido asociativo, ao tempo que priorizarán e porán en primeiro plano o rural e a demanda dunha rede de saneamento para todo o concello.
A asemblea local do BNG agradece o compromiso e o traballo desenvolvido por Sol Seoane e Xabier Lourenzo nestes últimos anos.
Fernando Malvar é ensinante, comprometido co movemento ecoloxista, presidente da comunidade enerxética de Buchabade e integrante da directiva da Comunidade de Montes e de Augas de Buchabade
Xosé Manuel Cal é presidente da Mancomunidade de Montes de Ponte Caldelas, presidente das comunidades de montes e augas de Chaín e traballador da hostalería.