O Concello de Barro aproba un proxecto para mellorar os accesos ao lugar de Constenla
Barro, 4 de marzo de 2026. A Xunta de Goberno do Concello de Barro vén de aprobar o proxecto de mellora dos accesos ao lugar de Constenla, na parroquia de Barro, unha actuación que permitirá reforzar a seguridade viaria e mellorar as condicións de acceso rodado ao lugar de Constenla.
O proxecto, cun investimento total de 56.766,94 euros, contempla a renovación da capa de rodadura ao longo de ao redor de 700 metros lineais de pavimento, desde o núcleo de Constenla ata o enlace coa estrada da Deputación provincial, á altura de Chan de Santos. Así mesmo, o proxecto inclúe actuacións destinadas á recollida e canalización das augas pluviais, co obxectivo de garantir unha drenaxe axeitada e prolongar a vida útil da infraestrutura.
O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, e o concelleiro de Medio Rural, Obras de Accesos a Núcleos, Seguridade Viaria e Humanizacións, Iván Bello Ferreiro, visitaron o lugar onde se desenvolverán os traballos para comprobar sobre o terreo o alcance desta actuación, que dá resposta ás demandas da veciñanza e reforza o compromiso do goberno local coa mellora continua das infraestruturas, a mellora da seguridade viaria e a accesibilidade aos núcleos.