O Concello de Barro aproba a licenza para a ampliación do centro loxístico de Transfrío no Polígono de Outeda
Barro, 23 de abril de 2026. A Xunta de Goberno Local do Concello de Barro acordou a concesión da licenza urbanística á empresa Transfrío Rías Baixas SL para levar a cabo a ampliación das súas instalacións no Polígono de Outeda–Curro. Este proxecto, que supón un investimento en execución material de 5.000.000,00 de euros, representa un novo impulso para a consolidación industrial do municipio.
A empresa, especializada na preparación, empaquetado e conservación de produtos do mar en fresco e conxelado , estenderá a súa actividade sobre as parcelas A-15, A-17 e A-18 , ocupando unha superficie total de 4.480,46 m2. A nova construción contará con cámaras frigoríficas e sumará unha superficie construída de 4.407,24 m2.
Esta ampliación ratifica a aposta da empresa Transfrío polo noso concello, onde iniciou a súa andaina no ano 2020 co asentamento do seu primeiro centro loxístico na parcela A-17. Aquela primeira fase contou cun investimento de 1,4 millóns de euros para unha nave de 2.313 metros cadrados. Co novo proxecto aprobado agora, a firma multiplica a súa capacidade operativa e o seu volume de investimento en Barro.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, amosou a súa satisfacción pola consolidación deste proxecto: "É unha excelente noticia comprobar como as empresas que apostaron por Barro no seu día seguen medrando e reforzando as súas instalacións no noso concello. Este investimento de 5 millóns de euros confirma que os nosos polígonos son un referente estratéxico para o sector loxístico e alimentario". Así mesmo, o rexedor subliñou o compromiso municipal co crecemento económico: "Desde o Concello seguiremos traballando para ofrecer axilidade administrativa e facilidades para que Barro sexa un lugar atractivo onde investir e xerar riqueza e emprego".