Comunicado do BNG-Moraña sobre a condea á ex-alcaldesa e outras persoas por prevaricación e fraude
06 feb. 2021 - 09:56
Moraña 5 de febrero de 2021. Ante o coñecemento da sentenza 00035/2021 do xulgado do penal nº 3 de Pontevedra, que inhabilita á ex alcaldesa de Moraña e outras persoas por ilegalidades na contratación de obras do Campo de Fútbol do Buelo en Moraña, comunicamos:
- No BNG lamentamos profundamente que a imaxe pública do Concello de Moraña se vexa unha vez máis manchada por culpa do Partido Popular e do seu reprobábel "modus operandi" na xestión pública. Así mesmo apénanos que no contexto actual no que estamos a vivir teñamos que estar a falar destas situacións tan deplorábeis na vez de estarmos falando de solucións e traballando todas e todos xuntos para axudar á veciñanza a saír da situación tan crítica que nos toca vivir con esta pandemia.
- No seu día o BNG de Moraña xa denunciara publicamente estes feitos, forzando un pleno municipal extraordinario para pedir as explicacións correspondentes sobre aquelas obras no campo de fútbol do Buelo no ano 2011, explicacións e feitos aqueles que nunca foron aclarados ata o día de hoxe.
- O BNG seguirá traballando e esforzándose, agora se cabe aínda máis, para recuperar a boa imaxe de Moraña e a honradez da institución local coa xestión transparente que as veciñas e veciños merecen e que continuamente o PP se encarga de ensuciar e desacreditar con feitos que non podemos máis que rexeitar. Non imos permitir que o nome e o funcionamento dunha institución como a nosa se ensucie e maltrate continuamente.
- O conxunto da veciñanza de Moraña merece unha xestión municipal honesta e seria. Unha xestión transparente e eficiente, libre de corruptelas e malas prácticas e centrada en atender as necesidades veciñais, a dotación dos servizos básicos e a mellora do benestar colectivo.