Cinema e saúde mental volven ir da man en Pontevedra co ciclo ‘O oficio de vivir’ impulsado desde a área de Benestar social

Presentación de O oficio de vivir
Presentación de O oficio de vivir
Cinema e saúde mental volven ir da man en Pontevedra co ciclo ‘O oficio de vivir’ impulsado desde a área de Benestar social

A concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías, xunto con África Martínez, representante do colectivo Taller Abierto, presentaron unha nova entrega do ciclo de cinema "O oficio de vivir". Esta iniciativa, que chega á súa cuarta edición, busca vencellar o cinema coa saúde mental, consolidándose como un espazo de reflexión e encontro para a cidadanía. 

Segundo explicou a concelleira pontevedresa, dende o goberno local acredítase no cinema non só como unha ferramenta de lecer, senón tamén "de reflexión" que permite chegar a "lugares críticos onde é importante estar". A edil quixo subliñar que, aínda que dende o Concello se traballe para contextualizar e falar destas preocupacións, "o que verdadeiramente protexe a saúde mental das persoas é un sistema sanitario público robusto", unha competencia que excede o ámbito municipal. Non obstante, o ciclo preséntase como unha achega útil e comprensible para "poñer en común" e falar das cuestións que preocupan á veciñanza arredor dun filme. 

O ciclo, que comezou o 3 de febreiro, ten lugar como tal no Teatro Principal de Pontevedra a partir das 19:00 horas, con entrada de balde até completar aforo. As sesións constarán da proxección dun filme seguida dun coloquio guiado por Suso Novás e especialistas en saúde mental. 

África Martínez, de Taller Abierto, empresa coordinadora da actividade, detallou o programa deste ano, deseñado para abordar temáticas variadas a través da cultura como vehículo: 

11 de febreiro: Proxectarase A habitación, unha fita que trata sobre o trauma. O coloquio estará a cargo de Ana Cris Eiriiz, psicóloga especializada no tratamento do trauma complexo. 

12 de febreiro: O ciclo pecharase co filme Her, que explora as relacións sociais na rede. O convidado especial será Mariano Hernández Monsalve, psiquiatra e docente con preto de 30 anos de experiencia nos servizos de saúde mental de Madrid. 

Dende a organización destacan a boa acollida desta iniciativa, que nas edicións anteriores logrou case un cheo no teatro e conta cun público fiel. "O cine é un vehículo para que todos poidamos achegarnos e comprender determinados temas", sinalou Martínez, destacando que moitos asistentes quedan ata o final para participar nos coloquios. 

Cinema e saúde mental volven ir da man en Pontevedra co ciclo ‘O oficio de vivir’ impulsado desde a área de Benestar social