Centos de veciñas e veciños homenaxean en Soutomaior a Fernando Pereira, 1º alcalde da democracia
O concello de Soutomaior ven de renovar o nome da Rúa Coutada (rúa pola que se accedía á antiga casa do alcalde Fernando Pereira) que pasa a ser Rúa da Coutada – Alcalde Fernando Pereira. Un acto que tivo lugar o 25 de abril cando se acaban de cumprir 25 anos do seu falecemento.
Tratouse dun acto emotivo onde centos de persoas quixeron estar presentes, tanto veciñas e veciños que apreciaron a Fernando Pereira, como persoeiros do mundo da política tales como Gelo García, alcalde de Oleiros ou o noso compañeiro, Luciano Sobral, que foi alcalde nacionalista de Poio desde 1995 até as últimas eleccións municipais.
O acto deu comezo ás 20:30h co descubrimento da nova placa na rúa Coutada (fronte á Cafetería Pastelería Acuña, Arcade) e coa interpretación do himno galego por parte do grupo de gaitas Os Aghuaneiros. Un acto onde asistiron moitas veciñas e veciños do concello, a familia de Pereira e onde o alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, fixo un pequeno percorrido pola vida do primeiro alcalde da democracia en Soutomaior, deixando patente a fonda pegada que deixara en moitas persoas coma, por exemplo ,nel, “Fernando Pereira fixo que, con 16 anos, comezase a miña traxectoria no mundo da política con amor e paixón, e, de momento, neste camiño continuamos con moito respecto e ao lado sempre da veciñanza, como el sempre estivo”.
A continuación, tralo descubrimento da placa, a homenaxe trasladouse ao Multiúsos onde tivo lugar o acto central, unha cita onde tamén falou o actual alcalde, Manu Lourenzo, quen, cun Multiúsos ateigado, agradeceu o cariño a asistencia de todas as persoas. Após verbas de Manu foi a quenda da actuación musical, de Mini, que a través das súas letras, tamén deixou patente o amor e cariño a Pereira.
A palestra ‘Un pobo, un Alcalde’ estivo moderada por Pepe Carreiro en representación da familia, e contou coa participación da nosa compañeira Ánxela Sobral, que foi concelleira con Pereira no Goberno, e lembrou como foron os anos de Goberno con Fernando Pereira “un home bo e xeneroso que o daba todo a cambio de nada”, unha mesa onde tamén interveu Anxo Angueira, director da Fundación Rosalía de Castro e tamén amigo de Pereira quen lembrou a fonda pegada que este alcalde deixou no mundo da Cultura, e, para rematar, tivo a palabra o ex vicepresidente da Xunta de Galiza e o que era alcalde e amigo durante os tempos de Pereira en Allariz, Anxo Quintana, quen lembrou o moito que lle axudou Pereira nos seus inicios como alcalde, todos os contactos que xa tiña por aquel entón e a ampla visión urbanística que tiña dende que chegou a política. Se algo tiña claro Pereira é que “un Goberno se ten que gobernar coa súa veciñanza, sempre estando ao lado do pobo”. Un acto ao que todas as veciñas e veciños e persoas que admiraban e querían a Pereira estiveron presentes, conseguindo un cheo absoluto no Multiúsos.
O acto rematou coa nota musical de Mini e, “como lle gustaría a Pereira”, cun petisco onde todas e todos os asistentes puideron lembrar o legado de Pereira que estivo, está e estará sempre presente en Soutomaior.
Fernando Pereira foi alcalde en Soutomaior dende o ano 1979 ata o ano 1995, foi o primeiro alcalde da historia da democracia do noso concello, unha persoa de referencia e cun papel moi importante en moitos eidos, entre eles, no exilio onde tivo relación con José Mujica ou con Eduardo Galeano.
Pereira foi unha persoa cun ineludible compromiso galeguista quen sempre velou pola defensa da cultura e da identidade do país. Durante os seu mandatos saíron adiante importantes proxectos para o concello que chegan ata a actualidade como son a estrutura urbanística de Soutomaior ou o arranque da 1ª edición da Festa da Ostra.
Con Pereira, Soutomaior foi o 1º concello de historia en contar un Plan de Normalización Lingüística e grazas a este alcalde, Soutomaior foi o primeiro concello en contar coa Rúa Alexandre Bóveda, Avenida Castelao ou Rúa Rosalía de Castro.