Centos de persoas maniféstanse en Arcade en defensa da sanidade pública
Soutomaior, 8 de maio de 2026. Centos de veciñas e veciños saíron onte á rúa en Arcade convocaos polo BNG para esixir unha atención sanitaria digna e de calidade, e protestar polo deterioro da atención primaria, que está a levar a tempos de agarda superiores ao mes para unha cita médica.
"A veciñanza vén denunciando a situación desde hai anos e, lonxe de mellorar, nos últimos meses produciuse un empeoramento que, na práctica, deixa a veciñanza cunha atención sanitaria falida", en palabras do alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo.
Lourenzo lembrou que desde o o BNG chegou á alcaldía de Soutomaior, "mantivemos reunións cos responsábeis do Sergas na que se nos asegurou que o noso centro de saúde ía contar cun cuarto facultativo". Máis a realidade é moi diferente, e case tres anos despois non hai cuarta médica, e cada facultativa soporta máis de 1.800 tarxetas sanitarias e as cotas de pacientes están fechadas.
A situación do centro de saúde é intolerábel, “con varias horas ao día sen persoal médico, cunha exposición a que se poida producir unha desgraza, pois non existe a capacidade de atender as urxencias, e as listas de agarda alónganse por máis de un mes debido a un desmantelamento da sanidade pública que non estamos dispostos a aceptar como normal”, afirmou o rexedor.
"Esgotadas todas as vías de negociación e todas as peticións de reunións, non queda outra que volver saír á rúa e mobilizármonos polo dereito a unha atención sanitaria pública e de calidade", afirmou o alcalde.
Pola súa banda, o deputado nacionalista Luís Bará, presente na manifestación, lembrou que o BNG ten levado en numerosas ocasións ao Parlamento a situación de deterioro da atención primaria en Soutomaior, e que a volverán levar as veces que faga falta até conseguir que as veciñas e veciños de Soutomaior conten coa atención sanitaria que necesitan.