Caldas de Reis mantense no podio do Premios Vilas en Flor conseguindo tres ‘Flores de Honra’ pola xestión municipal dos espazos verdes

Manuel Fariña recollendo os premios Vilas en Flor en Carballo
Manuel Fariña recollendo os premios Vilas en Flor en Carballo
Caldas de Reis mantense no podio do Premios Vilas en Flor conseguindo tres ‘Flores de Honra’ pola xestión municipal dos espazos verdes

Caldas, 14 de novembro de 2025. O Concello de Caldas de Reis vén de brillar de novo nos Premios ‘Vilas en Flor’. A vila termal recolleu hoxe en Carballo tres ‘Flores de Honra’ pola xestión municipal que fai dos espazos verdes. Este número de galardóns revalida o número conseguido tamén o ano pasado na cita que organiza anualmente a Fundación Juana de Vega en colaboración coa Asociación de Viveiristas do Noroeste (ASVINOR) e a Asociación de Empresas de Xardinería de Galicia (AGAEXAR).

O tenente de alcalde Manuel Fariña destaca que Caldas está a consolidarse como referencia no traballo e aposta pola sustentabilidade, sendo dos municipios galegos que máis recoñecementos xunta nos últimos anos. 

Novamente, este ano o xurado destacou a xestión sostible para promover a biodiversidade de espazos realmente singulares como son o Xardín Botánico e a Carballeira. Púxose en valor, sobre todo, o ambicioso proxecto para a restauración de ambos espazos, que son unha icona para a vila, e que propoñen un acondicionamento integral desde un enfoque múltiple, coa idea de recuperar a esencia desta área tan singular, mellorando o seu atractivo e ofrecendo un valor engadido a maiores da súa historia e patrimonio singular.

Fariña destacou que as obras da Carballeira xa están en marcha. A restauración do espazo natural, que se adxudicou por preto de 740.000 euros, consiste principalmente na rehabilitación das especies vexetais, formacións e composicións botánicas, a mellora e adaptación de instalacións e equipamentos, así como na recuperación do patrimonio natural e cultural.

Entre as actuacións concretas a realizar, definidas polo arquitecto de paisaxe Pedro Calaza, está a mellora da biodiversidade, incorporando novas especies e reforzando máis exemplares de outras existentes. Vanse eliminar especies invasoras, recuperaranse as aliñacións coa estrutura orixinal do espazo, farase un tratamento para mellora a calidade cromática e escénica, crearanse composicións de bosquetes densos e laxos para recuperar o aspecto primixenio, así como estudos biomecánicos e fitosanitarios en exemplares particulares. Tamén se mellorará o solo para garantir un bo desenvolvemento das árbores e especies existentes. 

No caso das instalacións e equipamentos, haberá actuacións de mellora de pavimentos, e mobiliario, así como tamén das instalacións (bocas de rego, puntos de luz...), entre outras, instalando paneis explicativos con información relevante e de posta en valor do patrimonio natural e cultural. 

A intención é que a reforma global do espazo verde, xunto á apertura do Centro de Visitantes, no que se ofertará unha exposición para comprender e poñer en valor o BIC, poida ser unha realidade antes do verán de 2026.

O tenente de alcalde Manuel Fariña expresou a súa satisfacción tras recibir as 'Flores de Honra'. Subliñou que "este galardón é un gran estímulo para continuar coas nosas iniciativas”. "A valoración do xurado motívanos a seguir adiante, promovendo un espazo como a Carballeira que non só honra a nosa riqueza vexetal, senón que tamén convida á veciñanza e as persoas que nos visitan a gozar da natureza aproveitando toda a súa potencialidade", subliñou, poñendo tamén en valor o recoñecemento por outras labores ordinarias e proxectos nos espazos verdes da vila recoñecidos por Vilas en Flor.

As ‘Flores de Honra’ de Vilas en Flor concédense segundo o criterio dun xurado especializado, que está composto por profesionais voluntarias de recoñecido prestixio dos sectores do viveirismo, os centros de xardinería, a xardinería e o paisaxismo, o turismo, a cultura e outros ámbitos relacionados con este programa no país. Outórganse logo de analizar a memoria dos traballos proxectados polos gobernos locais e de que o xurado visite ‘in situ’ os municipios adscritos.

Caldas de Reis mantense no podio do Premios Vilas en Flor conseguindo tres ‘Flores de Honra’ pola xestión municipal dos espazos verdes