Caldas pulveriza os seus datos de turismo e acada un novo récord con máis de 15.000 visitantes ás novas oficinas da Prazuela nesta tempada

Manuel Fariña na oficina de turismo
Manuel Fariña na oficina de turismo
Caldas pulveriza os seus datos de turismo e acada un novo récord con máis de 15.000 visitantes ás novas oficinas da Prazuela nesta tempada

Caldas, 10 de decembro de 2025. Caldas de Reis vén de pulverizar os seus datos de turismo e acadar nesta tempada un novo récord con máis de 15.000 consultas de visitantes nas novas oficinas da Prazuela. O tenente de alcalde Manuel Fariña amosouse moi satisfeito pola boa acollida das instalacións permanentes estreadas no verán, máis modernas e visibles na súa nova localización, subliñando que o persoal atendeu a un 50% máis de turistas que o ano pasado, cando se batera a cifra das 10.000 persoas, o que xa supoñía un fito histórico nos rexistros existentes. 

“O incremento das visitas é extraordinario, o que amosa que as novas instalacións turísticas municipais eran unha necesidade para mellorar a atención a toda a xente que chega á nosa vila”, salienta Fariña. Segundo o responsable de Turismo, a nova localización da oficina ao paso do Camiño de Santiago, e o feito de estar nun inmoble con case 20 metros de fachada, perfectamente rotulado e identificable, son características que suman un “punto a favor” para atraer visitantes e facilitarlles a súa estadía cunha mellor experiencia e atención. Tamén salienta que o Concello aumentou o horario da oficina ata as 37 horas semanais entre luns e sábado. 

As estatísticas amosan que as 10.000 visitas rexistradas en 2024 entre xullo e novembro pasaron  a ser 15.051 entre o 10 de xullo e o 6 de decembro deste ano. Por meses, o medre máis salientable foi o de xullo, cun incremento  do 140%: en 2024 aínda se atendía á xente na caseta da Tafona, unha localización desafortunada, a xuízo de Fariña, xa que apenas rexistrara 628 visitas fronte ás 1.510 deste ano nas novas oficinas permanentes. 

Os datos deste 2025 (comparando xa as consultas da oficina temporal da Rúa Real coa oficina permanente) son extraordinarios tamén no mes central do verán deste ano, con 3.164 visitas; en setembro, cun incremento do 60%; outubro, cando se duplicaron as cifras; e novembro, con máis dun 75% de subida. 

Segundo Fariña, as visitas á oficina para pedir información sobre a vila son una mostra moi significativa do turismo xeral e da totalidade da xente que pasa e fai noite no municipio, xa que en cada consulta o persoal municipal realiza unha enquisa breve. As respostas amosan que o Camiño é, de lonxe, a principal motivación para a visita, sendo tamén o termalismo, así como tamén o ocio e o turismo de natureza, tendo detectado que a organización por parte do Concello de eventos turístico-deportivos ten atraído público que non coñecía a vila. 

En canto á orixe das persoas visitantes, a maior parte tivo procedencia estatal (principalmente de Madrid, Andalucía, Extremadura e Cataluña), pero tamén houbo unha porcentaxe moi alta que chegou do estranxeiro, con Portugal á cabeza, seguida de Alemaña, Italia, Estados Unidos, Canadá, Reino Unido ou China, entre moitos outros países. A maior parte fai noite en Caldas (en albergues, pensións, hoteis, balnearios e en vivendas turísticas, un aloxamento á alza) e pasan entre un e tres días na vila. 

Caldas pulveriza os seus datos de turismo e acada un novo récord con máis de 15.000 visitantes ás novas oficinas da Prazuela nesta tempada