SÁBADO 10 E DOMINGO 11
Caldas, epicentro peninsular de RAID, con máis de 40 equipos de toda a península
Caldas, 9 de maio de 2025. Caldas de Reis será este fin de semana do 10 e 11 de maio o epicentro do Campionato de España de Raid 2025. A competición partirá da Illa de Arousa e seguirá por Vilagarcía e Moraña ata chegar á vila termal nun percorrido de 194 quilómetros a pé, en bicicleta de montaña, kaiak e rápel. Ademais dun descenso espectacular na fervenza de Segade, a chegada oficial e a entrega de premios, Caldas tamén acollerá unha proba popular de orientación no centro urbano aberta a toda a veciñanza.
Trátase dunha proba multidisciplinar, combinando carreira a pé, bicicleta de montaña, kaiak e proba de cordas (rápel), dificultades que se suman a que o percorrido non está marcado sobre o terreo. As persoas participantes unicamente disporán dun mapa cuns puntos de control polos que deben pasar e con ese mapa e a axuda do compás deberán completar “o longo e extenuante itinerario no menor tempo posible”.
As e os corredores enfrontaranse en total a un percorrido de 194 km cun desnivel acumulado de 4.800 metros positivos nun tempo limite de 24 horas ‘non-stop’. A saída darase ás doce da mañá do sábado na Illa de Arousa e a meta pecharase ás 12 do mediodía do domingo en Caldas de Reis. Calcúlase que os primeiros equipos deberían completar o percorrido nunhas dezanove horas e media.
Haberá tres categorías: élite, composta por tres integrantes sempre en carreira; aventura, con dúas persoas en carreira máis unha ‘relevista’ e, por último, a categoría ‘orientaraid’, non competitiva e de promoción, cun percorrido máis curto, e con equipos que poden estar formados con ata cinco integrantes. A proba disputarana máis de 40 equipos de toda a xeografía peninsular.
Paralelamente ao Campionato de España, e coincidindo con última sección do raid, o club Aromon abriu, a todo o público que se queira apuntar, unha proba popular na contorna urbana de Caldas de Reis, en horario de 10 a 12 da mañá do domingo. Posteriormente, unha vez pechada a meta terá lugar a entrega de premios no Paseo Román López, onde se desvelarán as e os campións de España de Raid 2025.
O Tenente de Alcalde de Caldas Manuel Fariña amosouse orgulloso de que a vila termal sexa o espazo principal do campionato, unha proba que definiu como “extrema” e que percorrerá no municipio paraxes “tan singulares” como a Carballeira, o Parque Xardín e a Fervenza de Segade, coas instalacións da Fábrica da Luz como un dos puntos máis vistosos para ver a proba. “Imos ver a parede vertical da fervenza iluminada como hai tempo que non viamos e con deportistas ‘rapelando por ela’, chea de xente, gozando dun evento tan importante coma este”, apuntou.
O nacionalista destacou que Caldas aposta por acoller torneos e competición de modalidades deportivas de todo tipo, como neste caso o raid, que sirvan para promocionar o deporte e tamén que dean a coñecer a localidade a nivel turístico. “Agardo que a nosa paixón, dedicación e compromiso chegue a todas as e os deportistas. Estou seguro de que gozarán da nosa marabillosa vila mentres compiten e superan novos desafíos”, dixo.
Pola súa banda, Adrián Moreira, director de carreira, chamou ás persoas participantes a que gocen da contorna porque é única, xa que partirá dun lugar tan emblemático como a Illa Arousa e a súa costa, para logo meterse cara Vilagarcía, Moraña e Caldas polo interior. “Agardamos que á xente lle guste e que sufran tamén un pouco porque se non doe non se recorda. Levamos moitos meses traballando con mimo na organización”, subliñou.
Pola súa banda, Paco Cobas, Presidente da Federación Española afirmou que dende a entidade estatal están satisfeitos de ter elixido a Aromon para organizar o campionato pola súa solvencia e agradecidos aos concellos por todas as facilidades prestadas. “O raid é unha especialidade da orientación que ademais do coñecemento do compás e do mapa conleva unha serie de traballo e de esforzo que o fan distinto. Van gozar. O trazado é perfecto. É unha proba de nivel”, finalizou.