Caldas celebra o vindeiro venres 28 a súa gran festa de acendido das luces de Nadal
Caldas, 24 de novembro de 2025. O Concello de Caldas vai realizar o vindeiro venres 28 a súa gran festa de acendido das luces de Nadal. Así o anunciou o tenente de alcalde Manuel Fariña, quen destacou que este ano a celebración será na Prazuela en lugar de nas Palmeiras -como na anterior ocasión-, e contará con música, chocolate, roscón e varias sorpresas.
Fariña destaca que a festa de acendido está a consolidarse como unha celebración de referencia que atrae a moita veciñanza e xente visitante. Como xa é habitual, haberá unha conta atrás e un pulsador que activará o propio concelleiro, e que permitirá prender de vez os máis de 500.000 leds repartidos en máis de 1.000 metros cadrados de iluminación por toda a vila.
Na contorna da praza poderase gozar do coñecido paraugas de luces, que este ano terá máis grilandas escintilantes que nunca (32), ademais dun sobre luminoso, xunto ao teito de luminarias da Rúa Real e o rótulo de Bo Nadal.
A festa comezará ás sete da tarde coa animación musical da ‘Mekánica Rolling Band, a espectacular ‘electrocharanga’ chegada dende Negreira, cunha actuación que irá acompañada de sorpresas. Ás 20 horas será o momento ‘estrela’, cando se pulse oficialmente o botón do prendido das luces. Entón en toda a vila iluminaranse os 67 arcos e os diferentes elementos decorativos elixidos para rúas e prazas. Segundo explica o tenente de alcalde Manuel Fariña, este ano manterase a cifra de luces do ano pasado, cunha potencia de 15.537 watios, o que supón unha proposta moi sustentable a nivel de consumo.
Para o tenente de alcalde, aínda que Caldas non poida competir coas grandes cidades a nivel de número de luminarias, si ten unha proposta de decoración moi atractiva que fai que haxa moito dinamismo nas rúas con xente chegada doutras localidades. “A nosa vila está posicionada como un destino atractivo para vir durante a tempada de Nadal e o ambiente que xera entre a veciñanza é marabilloso. Iso nótase incluso tamén no movemento no comercio local, así que entendemos que é un acerto total manter o investimento na iluminación e na decoración durante as festas”, subliña.
As luces estarán acendidas ata o vindeiro 6 de xaneiro, despois de Reis, con horario de seis da tarde a dúas da madrugada, ampliándose nas datas sinaladas de Noiteboa e Fin de Ano. A esta decoración municipal sumarase tamén a creada polas veciñas e veciños nas súas rúas e barrios.