O BNG votará en contra do SAF de Cerdedo-Cotobade ao entender que é un servizo básico competencia da Xunta de Galiza
Cerdedo-Cotobade, 27 de maio de 2020. O BNG de Cerdedo-Cotobade votará no Pleno de mañá en contra do contrato do SAF ao entender que sobarda amplamente as competencias municipais. Se entendemos o Servizo de Atención ao Fogar como un servizo básico ten que ser universal e non pode depender da situación financieira de cada Concello; ten que ser a Xunta de Galiza quen o garanta para toda a poboación con independencia de onde se viva.
Se é un servizo público concibido como dereito equiparable á sanidade ou ao ensino, debe ser a Xunta a responsable de financialo e non botalo nas costas dos Concellos que son estamentos administrativos que non teñen nin as competencias lexislativas, nin organizativas necesarias para atender este servizo co concepto de servizo público. Polo tanto, reclamamos do goberno municipal que lle traslade á Xunta a reclamación de que non bote balóns fóra e asuma as competencias que lle corresponde.
O BNG insta ao alcalde a esixir do goberno galego que asuma as súas competencias e se faga cargo do SAF
Compre lembrar que tempo atrás, cando os servizos sociais funcionaban como beneficiencia, atendían dun xeito moi precario ás persoas maiores que estaban soas. Estes servizos de beneficiencia derivaron no actual SAF, pero é evidente que os tempos e o propio servizo cambiaron. Compre lembrar que até non hai tanto tempo os Concellos tamén contrataban aos mestres e aos médicos, algo que hoxe a ninguén se lle pasaría pola cabeza. Pero co SAF aínda estamos alí.
En canto á estimación de 24.000 horas compre saber se é realista, ambiciosa ou timorata. Desde o BNG queremos un servizo de calidade e para iso non se pode escatimar nin en horas prestadas nin en orzamento.
Por outra banda, as traballadoras deben ter unhas condicións dignas, con estabilidade e salario, tendo en conta que se trata dun contrato público con garantías de cobro. Esa estabilidade que a empresa vai ter ten que trasladarse ás traballadoras nas súas condicións laborais.