O BNG ve necesario recuperar e mellorar os espazos públicos da Rúa Un de Santa Lucía de Moraña
Moraña, 15 de xuño de 2021. No Concello de Moraña estase a executar actualmente a substitución das beirarrúas da Rúa Un de Santa Lucía. Unha obra necesaria, mais queda pobre, insuficiente e escasa por non actuar na recuperación e na mellora todo o espazo público alí existente, polo que a actuación está por debaixo das expectativas que levantou ante a propia veciñanza, sendo un fiel reflexo da política do goberno do Partido Popular de Moraña.
Hai que ter en conta que o Concello de Moraña adheriuse á rede Ágora promovida pola Deputación de Pontevedra, cuxo obxectivo é a revalorización dos espazos públicos como eixo fundamental da calidade de vida nos ámbitos urbanos. Deste xeito o noso Concello está comprometido a realizar políticas de recuperación dos seus espazos públicos e a fomentar as mobilidades alternativas.
O goberno municipal do PP en Moraña non ten a valentía política para actuar a prol da recuperación dos espazos públicos
O goberno municipal do PP, capitaneado polo Sr. Cela, lonxe de traballar cos principios de Ágora na actuación que se proxectou na Rúa Un, fuxe deles e considerou a actuación como unha simple e escasa substitución das beirarrúas, sen máis visión nin preocupación.
Nese sentido o BNG ve fundamental actuar sobre o espazo da Rúa Un que está enfronte á Carballeira de Santa Lucía xa que cumpre con varios dos principios do Plan Ágora como son a mobilidade inclusiva, a autonomía infantil, as mobilidades alternativas, un espazo seguro, un espazo amable e de calidade, con actividade económica de proximidade, entre outros.
O BNG lamenta que o Partido Popular quede ancorado no pasado e non teña a valentía de actuar para a recuperación de espazos públicos do noso Concello que melloren o aspecto físico do lugar e melloren a calidade de vida de todos e todas as veciñas/os de Moraña desde todas as ópticas comentadas: accesibilidade, seguridade viaria, espazos amables, actividade económica, etc. A parálise de acción e de ideas do goberno municipal do PP, a súa ineficiente e pobre xestión, xunto con ostentar unha maioría absoluta, están lastrando e hipotecando o futuro de Moraña.