O BNG urxe á Xunta e ao Estado a adoptar medidas para a reactivación económica, e insta ás forzas políticas de Cerdedo-Cotobade a consensuar un plan específico para o concello
A crise económica e social que estamos a padecer como consecuencia da pandemia do COVID-19 vai ter unha virulencia especial en Galiza e no noso concello, dada a situación económica tan debilitada e dependente que temos.
Desde o BNG somos conscientes que os concellos non temos competencias estruturais en materia económica e política fiscal, polo que as decisións que poidamos adoptar ven depender das medidas lexislativas e executivas que se adopten polo goberno do Estado e pola Xunta de Galiza.
Para que desde o concello poidamos despregar a nosa capacidade de actuación é imprescindible derrogar a Lei Montoro, que recolle tres regras fiscais (estabilidade, regra de gasto e débeda) para priorizar o pago da débeda aos bancos. Sen a derogación desta norma a posibilidade de actuar do noso Concello veriase moi minguada, reducíndose, na práctica, a actuacións de beneficiencia.
Nunha situación como esta é máis importante ca nunca a elaboración de mecanismos de solidariedade nacional: claridade dos recursos dispoñíbeis en cada nivel de intervención pública, priorización no emprego colectivo destes recursos para que cheguen a que os precisan (sen que dependa do concello no que residan) e exercicio responsábel das competencias de cada institución, evitando duplicidades, solapamentos e baleiros inadmisibeis.
Para iso é preciso a elaboración dun Plan Galego de Reactivación Económica e Social co maior consenso posíbel (administracións, forzas políticas, sectores e axentes sociais), dirixido polo goberno galego e refrendado polo Parlamento.
Dada a estrutura da economía galega, cunha elevadísima porcentaxe de traballadores e traballadoras por conta propia e pequenas empresas, o plan galego debe ter especialmente en conta a súa situación e estabelecer axudas directas, complementarias das do Estado, para que podan seguir a desenvolver a súa actividade. Debe haber unha actuación urxente do goberno galego a estes sectores da economía, como xa aprobaron outras comunidades autónomas.
Paralelamente a este plan galego, o Concello de Cerdedo-Cotobade debe abordar medidas de choque que, no marco das súas competencias e posibilidades, axuden a mellorar a difícil situación que están a padecer moitos dos nosos veciños e veciñas.
Neste sentido, o Portavoz do BNG, Ernesto Filgueira, presentou por rexistro unha moción na que insta a todas as forzas políticas con representación municipal a elaborar un plan de choque que aborde, entre outras cuestións:
- Un reforzamento da Partida de Servizos Sociais, que permita prestar todo o apoio posible ás familias e persoas máis vulnerables e en risco de exclusión social e evite, na medida do posible, a fenda dixital das crianzas garantíndolles medios tecnolóxicos.
- Que o goberno municipal se dirixa ás subministradoras para a mellora sa liña de internete e/ou no seu caso a crear a estrutura precisa que permita contarmos cunha capacidade de rede que faga posíbel e incentive o traballo online.
- A Posta en marcha dunha campaña de promoción do noso comercio local, do consumo de produtos de proximidade, e do labor d@s autónom@s que desevolven profesións técnicas e culturais no noso concello.