O BNG urxe ao goberno municipal de Cuntis a apoiar o tecido asociativo e deixar de actuar con improvisación e desleixo
Cuntis, 17 de xuño de 2024. O impago das subvencións nominativas ás asociacións e á Fundación Terra Termarum do ano 2023 deixou a todo o tecido asociativo de Cuntis nunha situación económica crítica ao non recibiren os cartos comprometidos por parte do Concello. En distintos plenos, a preguntas do BNG e das propias asociacións, afirmouse que se pagarían xuntas as do ano 2023 e 2024 (pleno do 14 de febreiro). Finalmente no pleno do 13 de maio o goberno levou un anexo aos orzamentos para aprobar o pago incompleto das subvencións. Ante isto o BNG presentou unha moción que se aprobou por unanimidade dos tres grupos que esixía o pagamento completo das mesmas.
As consecuencias desta demora son dramáticas para moitas das asociacións e nomeadamente para a Fundaciòn Terra Termarum, poñendo en perigo o labor extraordinario que fai na xestión, protección e divulgación do xacemento, ou o seu obradoiro de cerámica castrexa.
Natalia Camiña, portavoz municipal do BNG: “Que non se celebre o San Xoán, que non estean garantidas as festas parroquiais, que a Fundación estea nunha situación económica agónica, que non se apoie o traballo das asociacións, empobrece o noso concello a todos os niveis e obriga urxentemente a un cambio de rumbo”
Onte mesmo a Asociación de Amigxs dos Castros, organizadores do San Xoan de Castrolandín, anunciou que non se celebrará este ano a festa á que ano tras ano acudimos viciños e viciñas para desfrutar da festa máis especial do ano nunha contorna incomparable, precisamente pola situación económica na que o goberno deixou á Fundación.
Tamén soubemos no mesmo pleno que o goberno decidira organizar só un día das festas parroquiais, informando a viciños e viciñas de Cuntis na primeira semana de xuño con só dous meses de antelación, case sen marxe para montar unha comisión, nun novo exercicio de improvisación e desleixo. E mentres deciden gastar no concerto do lacón máis de 53000€
En palabras da portavoz municipal Natalia Camiña “que non se celebre o San Xoán, que non estean garantidas as festas parroquiais, que a Fundación estea nunha situación económica agónica, que non se apoie o traballo das asociacións empobrece o noso concello a todos os niveis e obriga urxentemente a un cambio de rumbo”.
Por iso dende o BNG esiximos e.establecer prioridades que pasan por presentar uns orzamentos, xa que non se aproban dende o 2022, por apoiar o tecido asociativo e deixar de actuar con improvisación e irresponsabilidade e cumprir os acordos plenarios.