O BNG levará ao pleno da corporación a falta de financiamento que sofre o IES de Poio
Poio, 19 de xuño de 2024. O BNG de Poio denunciou este mércores na Comisión de Cultura a falta de financiamento do IES de Poio que imparte o ciclo de Guía do medio natural e do tempo libre, un exemplo máis do “abandono do ensino público en beneficio das empresas privadas”, e que prexudica ás familias con menos recursos.
Este ciclo, lembra a portavoz nacionalista, Marga Caldas, conta con módulos específicos que teñen que impartirse fóra das instalacións do centro educativo, o que repercute nos orzamentos e en diversos aspectos organizativos e de xestión. Caldas admite que, “o alumnado precisa facer prácticas de equitación, natación, socorrismo, paddel, ou piragüismo, sen contar o centro coas instalacións apropiadas, polo que deben recorrer ao alugueiro de instalacións externas”.
Advirte que “é o centro o que asome os gastos de desprazamento do alumnado a estas instalacións”, así como a de alugueiro e material necesario para impartir o ciclo: neoprenos, cascos, bicicletas, etc., que ademais, teñen que ser repostos periodicamente por seguridade.
O BNG acusa á consellería de Educación de “non adxudicar unha partida específica para os gastos deste Ciclo Medio”. O centro debe dispoñer da metade do seu orzamento anual para atender estes ciclos, “deixando de facer investimentos necesarios en material escolar, mobiliario, actividades educativas ou reparacións e mellora nas súas instalacións, o que esta a supoñer unha gran preocupación nas familias de Poio”, subliñou.
O primeiro ano de implantación do ciclo como LOE a administración transferiu 38.000 euros para gastos de implantación, partida que se debía gastar nese mesmo ano. A partir desa anualidade, todos os gastos sufráganse cos orzamentos dos centros. Logo de reiteradas peticións por parte das direccións, concedeuse unha partida complementaria puntual que alivia “mais non cobre" todas as necesidades.