O BNG de Soutomaior pide un Pleno Extraordinario para esixir responsabilidades polos vertidos contaminantes á ría

Manu
O BNG de Soutomaior pide un Pleno Extraordinario para esixir responsabilidades polos vertidos contaminantes á ría

O Concello de Soutomaior foi sancionado, o pasado 14 de novembro, con 5000 euros por un “verquido non autorizado de augas residuais procedente de instalacións municipais”.

Augas de Galicia denunciou este verquido ilegal do concello que se atopa nas inmediacións do paseo marítimo de Arcade. O ente público, nun escrito durísimo, acusa ao goberno local de “non ter realizado as súas obrigas de mantemento e corrección preventiva das redes de saneamento”  e responsabilízao de que “ao non facer este mantemento e conservación, os caudais increméntanse de xeito inadmisible” polo que “con episodios tan sequera leves de choiva” prodúcense verquidos ao mar. 

Así mesmo,  o escrito da multa critica ao Concello de Soutomaior por non asumir as súas responsabilidades na rede de separación de augas da choiva e augas fecais, e por "facer obras na rede sen aviso previo", que tal e como reza o escrito da sanción é o culpable  “dos alivios ao mar e da conseguinte contaminación” 

A este respecto o portavoz municipal do BNG Manu Lourenzo sinalou que “levamos anos denunciando a desfeita que temos na rede de separativas sen que ninguén no PP movese un só dedo. E agora resulta que despois de 25 anos de desfeita urbanística, atopámonos cunha rede de saneamento catastrófica con verquidos á unha ría que dá de comer a máis de 200 familias, e, aínda por riba, pagándo ás multas pola irresponsabilidade dun alcalde que só se acorda dos problemas de Soutomaior cada 4 anos.  Este é o papelón que padecemos en Soutomaior”

 

Outras sanción medioambientais ao Concello de Soutomaior.

Pero esta non é a única sanción que ten que pagar o concello de Soutomaior xa que hai escasas semanas tivemos que pagar outra multa de 500 euros por vequidos ao río na zona de Xunqueira de Arcade e está pendente tamén da resolucion dunha denuncia de medio ambiente por facer verquidos de residuos sólidos urbanos no monte comunal.

O BNG de Soutomaior pide un Pleno Extraordinario para esixir responsabilidades polos vertidos contaminantes á ría