O BNG solicitará a peonalización total da praza de España de Ponte Caldelas
Ponte Caldelas, 27 de maio de 2020. O BNG solicitará no pleno do concello que se celebrará mañá, xoves,, a peonalización da Praza de España de Ponte Caldelas, para uso e desfrute da veciñanza, un proxecto que o BNG ven defendendo desde hai moitos anos.
Se realizar políticas de recuperación do espazo público para a cidadanía debera ser sempre unha prioridade dun goberno municipal que se precie, agora, a raiz da pandemia do COVID-19, faise imprescindíbel.
Os recentes acontecementos coa crise sanitaria do COVID-19 veñen de evidenciar a necesidade de contar con espazos públicos de calidade. Despois de meses de confinamento, enténdese máis e mellor o espazo público como sustrato para a vida pública e social, tanto na estancia como na interacción.
Esta evidencia, fai que moitos concellos estean a adoptar medidas de urxencia para devolver o espazo público á cidadanía, un proceso no que os concellos gobernados polo BNG levan anos traballando e constitúen todo un exemplo a seguir. Sen ir máis lonxe ao noso carón temos a Pontevedra, un concello modélico no tratamento dos espazos públicos, con indudábeis beneficios en accesibilidade, seguridade, coidado do medio ambiente e que permite manter as distancias de seguridade impostas pola pandemia. Un modelo de alta calidade, recoñecido internacionalmente, no que nos debemos inspirar.
A distancia fisica ou de seguridade non é distancia social, as persoas precisamos de elementos e lugares de sociabilización. E a peonalización total da praza de España permitiría adaptar ese espazo público para que sexa posíbel manter a distancia de seguridade sen que implique distanciamento social.
Ao noso entender, a peonalización da praza conlevaría, necesariamente, unha reordenación do tráfico, para o que sería preciso que o treito da rúa Concepción Arenal entre o cruce e a rotonda do colexio pasara a ser de dobre sentido.
ADHESIÓN Á REDE ÁGORA
Recuperar espazos públicos e fomentar as mobilidades alternativas debe estar na axenda de toda acción de goberno, por iso propoñemos a adhesión do Concello de Ponte Caldelas á Rede de Acción Intitucional Ágora, promovida pola Deputación de Pontevedra a través da súa área de Mobilidade Alternativa e Espazos Públicos Urbanos.
A inclusión na ‘Rede Ágora’ suporá, entre outras cousas, a participación en programas e axudas provinciais, a recepción de asesoramento por parte de persoal especializado e a captación de recursos externos para financiar proxectos.