TEN 48 MILLÓNS DE EUROS DISPOÑIBLES DE SUPERÁVIT PARA AMORTIZAR PRÉSTAMOS

O BNG reclama á Deputación que use o seu superávit para acadar a ‘debeda cero’ e liberar así 28 millóns de euros para investimentos

César osquera
César osquera
O BNG reclama á Deputación que use o seu superávit para acadar a ‘debeda cero’ e liberar así 28 millóns de euros para investimentos

O BNG reclamou ao goberno da Deputación que utilice o seu superávit para acadar a ‘débeda cero’ na institución e  liberar 28 millóns de euros dispoñibles para investimentos nos concellos da provincia. Así o reclamou o voceiro César Mosquera, lembrando que o PP sempre defendeu o obxectivo de anular a débeda na institución provincial. “Agora que o poden facer vostedes, pétame a cabeza que non o fagan”, subliñou o nacionalista. 

Mosquera realizou a petición da ‘débeda cero’ ao PP despois das críticas do presidente Luís López ao anterior goberno bipartito por ter solicitado préstamos para afrontar obras. O voceiro destacou que nestes momentos a Deputación ten un superávit de 48 millóns de euros que, polas restricións da Lei Montoro, non pode utilizar na súa totalidade ata que amortice a totalidade da débeda provincial existente, que nestes momentos rolda os 20 millóns de euros. 

Explicou o portavoz do Bloque que, se dos 48 millóns do superávit existente, se destinasen os 20 millóns mencionados a amortizar aos préstamos, quedarían outros 28 millóns totalmente liberados para poder repartir entre os concellos no Plan + Provincia, en plans extraordinarios e en convenios de colaboración. Sen embargo, segundo Mosquera, o goberno do PP non está a apostar por esa vía para manter o relato de que a anterior Corporación do BNG-PSOE deixou nas arcas provinciais unha débeda ‘inasumible’, cando esa afirmación, dixo, é totalmente incorrecta. 

Mosquera lembrou que a xestión económica do anterior goberno fixo que a débeda da Deputación pasase dos 54,871 millóns de euros a 1 de xaneiro de 2015 (ano da entrada do bipartito) a 25’24 millóns de euros no 1 de xaneiro do 2023, ano de saída do goberno de coalición. Subliñou que nese período de xestión conseguiuse amortizar máis da metade do endebedamento previo. 

“Resulta que o problema é que o goberno anterior aumentou moito a débeda cando a reduciu a menos da metade. Agora, se vostedes amortizasen os 20 millóns que lle quedan por pagar,  terían case 30 millóns para actuacións, e ademais non terían que amortizar nin pagar intereses nos anos seguintes. Pero resulta que iso é un gran problema. (...) Nestes momentos que lle convén economicamente á Deputación facelo, sorpréndeme moitísimo que non se faga con inventos de grande calibre. Pétame a cabeza”, indicou.

De feito, Mosquera amosouse profundamente sorprendido por tanta resistencia do goberno do PP actual a facer esa operación. Indicou que neste mandato do Partido Popular hai obsesión con “emendar a plana a todo o que fixo o PP antes do 2015”. Subliñou que dende 2010 a 2015 o portavoz económico provincial, Chema Figueroa, defendía -de forma insistente- que o obxectivo era deixar a Deputación con débeda a cero, unha liña coa que o goberno actual choca de maneira frontal.

O BNG reclama á Deputación que use o seu superávit para acadar a ‘debeda cero’ e liberar así 28 millóns de euros para investimentos