BNG e PSOE sentan as bases da negociación do novo orzamento coa revisión dos compromisos que xa estaban pactados
Pontevedra, 12 de novembro de 2025. Os grupos municipais do BNG e do PSOE mantiveron esta mañáa primeira reunión formal convocada co obxectivo de lograr que Pontevedra teña uns orzamentos consensuados para o ano 2026. O encontro serviu para sentar as bases dunha negociación que se iniciou coa revisión do grao de cumprimento dos compromisos que nacionalistas e socialistas acadaron para a aprobación de anteriores orzamentos e modificacións de crédito.
Á mesa sentaron os concelleiros Raimundo González Carballo, Anabel Gulías e María Xosé Abilleira, por parte do BNG, e Iván Puentes, Yoya Blanco e Manuel Fariña, pola do Grupo do PSOE. Nunha reunión inaugural caracterizada pola mesma discreción coa que se levaron a cabo anteriores negociacións e pola análise técnica dos proxectos e iniciativas xa executados, os que están en marcha ou se atopan en tramitación e aqueles aínda pendentes, ambaa as partes puxeron os mimbres para que a Pontevedra conte o vindeiro ano cos mellores orzamentos posibles, froito do consenso e de medidas achegadas polas dúas forzas políticas.
Raimundo González Carballo aseverou que a reunión entre o BNG e o PSOE serviu "para dar o pistoletazo de saída aos orzamentos para o 2026, que entendemos que van ser moi positivos para o Concello e para o conxunto dos cidadáns e cidadás de Pontevedra". "As negociacións están abertas -declarou o concelleiro responsable de Facenda- e, a partir de aquí, iremos chegando a acordos concretos que faremos constar nos propios orzamentos que se sometan a debate e aprobación no Pleno".