CONVOCAN CONCENTRACIÓN O SÁBADO 27 ÁS 12 DIANTE DO CENTRO DE SAÚDE

BNG e PSOE chaman á veciñanza a defender a atención primaria no centro de saúde de Moraña

2018-01-24 12.21.55-Marcos Suárez-15960
BNG e PSOE chaman á veciñanza a defender a atención primaria no centro de saúde de Moraña

Moraña, 24 de novembro de 2021. BNG e PSdeG-PSOE ante a situación de precariedade asistencial que se está a producir no centro de saúde de Moraña a consecuencia das políticas de recortes do PP na Xunta de Galiza animan á veciñanza a participar nunha concentración o vindeiro sábado 27 de novembro ás 12:00 horas diante do centro de saúde de Moraña para deixar constancia unha vez máis do malestar dos usuarios e usuarias do centro de saúde que ven como a diario o Sergas limita os medios e o persoal sanitario que nos corresponde. 

4a99fe82-8b74-45ea-bfe8-1b9496863763

Os problemas que padecemos no noso centro médico por culpa dos recortes veñen de lonxe pero a situación empeora cada día que pasa. A día de hoxe, Moraña sufre graves problemas estruturais como son: 

  • A falta de servizo de pediatría: Unha praza que segue sen cubrirse e que obriga a que os nenos e nenas teñan que desprazarse a outros concellos da contorna para poder recibir asistencia médica.
  • Unha das prazas médicas continúa sen estar cuberta despois da recente xubilación dunha das doutoras que prestaban servizo no centro de saúde de Moraña.
  • Non se cobren as baixas do persoal ou son cubertas nun horario reducido.
  • Amortizouse unha das prazas de servizos xerais, imprescindíbel no noso concello.
  • O persoal sanitario está desbordado pola mala xestión da Xerencia de Atención Primaria, atendendo de media a máis de 50 pacientes diarios.
  • O persoal sanitario e de enfermería non é suficiente para desenvolver o seu traballo diario no centro de saúde ademáis de atender de forma domiciliaria aos pacientes que o necesitan. A isto hai que sumarlle os desprazamentos aos domicilios para as campañas específicas de vacinación da gripe e da Covid-19. 
  • A todo isto súmase un longo etcétera de cuestións que afectan á asistencia sanitaria de todos os morañeses e morañesas. 

Ante todos estes problemas, a Consellería de Sanidade anuncia unha ampliación de salas médicas, incapaz de dar resposta ás demandas reais e de poñer fin aos graves problemas existentes porque, para qué queremos máis salas médicas se non temos médicos? 

Valoramos de forma positiva todas aquelas actuacións en infraestruturas e equipamentos sanitarios que supoñan unha mellora para o noso concello pero neste caso é inadmisíbel que o Concello de Moraña pretenda tapar os verdadeiros problemas asistenciais con anuncios de futuras obras. 

Non podemos permanecer á marxe ante o deterioro continuado dun servizo de primeira necesidade, de vital importancia en todos os sentidos. Para unha atención sanitaria de calidade precisamos un centro médico dotado de suficientes recursos humanos e materiais. 

BNG e PSOE chaman á veciñanza a defender a atención primaria no centro de saúde de Moraña