O BNG propón que Portos estude a retirada e tratamento dos lodos da dragaxe do Lérez

club-naval-copia
Lodos no Lérez

O deputado nacionalista Luís Bará rexistrou unha proposición non de lei e unha batería de preguntas parlamentarias para que o goberno da Xunta explique as medidas adoptadas para cumprir o acordo parlamentario aprobado no mes de xuño de 2019 no que se propón a elaboración dunha proposta alternativa e sustentable para o depósito de materiais procedentes do dragado do río Lérez, de tal forma que se garanta que estes non afectarán a ningunha das rías galegas. 

O BNG propón que Portos estude a retirada e tratamento dos lodos da dragaxe do Lérez

A Xunta de Galiza,  através de Portos de Galicia, iniciou en 2011 a tramitación dun proxecto para a dragaxe e rexeneración da bancos marisqueiros no río Lérez e no fondo da ría de Pontevedra, nun treito de aproximadamente 4,3 km entre o Clube Naval e Os Praceres, no que está previsto retirar aproximadamente 330.000 toneladas de lamas e outros sedimentos. O custo estimado do proxecto é de 3 millóns de euros.

Despois de case 9 anos de tramitación, o proxecto aínda non se fixo realidade. A finais do ano 2016, o daquela Presidente de Portos de Galicia reuniuse co alcalde de Pontevedra e cos portavoces dos grupos municipais para informalos das características do proxecto e dos prazos estimados para a súa realización. Naquela xuntanza, o responsábel de Portos informou da previsión de licitación do proxecto a comezos de 2018.

En xaneiro de 2017, o DOG publicou o anteproxecto da dragaxe e o estudo de impacto ambiental e abriuse o período de exposición pública para a presentación de alegacións. En relación co impacto ambiental das obras, as confrarías manifestaron a súa discrepancia coa previsión de depositar máis de 221.000 toneladas de sedimentos ao oeste da illa de Tambo e nos bancos marisqueiros ente Campelo e Combarro. Demandaban a modificación desta parte do proxecto, de maneira que os sedimentos se depositen en mar aberto, fóra das augas da ría de Pontevedra. 

O pasado mes de abril, Portos de Galiza anunciou a intención de cambiar a zona de vertido dos depósitos, trasladándoa ao exterior da ría. Mais non houbo noticias sobre a modificación do proxecto, sobre o orzamento e sobre o prazo para levalo a cabo.

A comezos de xuño de 2019, Portos fixo pública a través dun medio de comunicación a intención de trasladar os depósitos a un punto de vertido situado na ría de Arousa, nas proximidades da illa de Sálvora, proposta que suscitou o rexeitamento unánime do sector pesqueiro e marisqueiro da ría de Arousa.

No mesmo mes de xuño, o parlamento de Galiza aprobou unha proposición non de lei na que se insta á Xunta á elaboración, conforme a normativa vixente e ás directrices existentes respecto deste tipo de actuacións, dunha proposta alternativa e sustentable para o depósito de materiais procedentes do dragado do río Lérez, de tal forma que se garante que estes non afectarán a ningunha das rías galegas, en especial á ría de Arousa.

Malia este acordo, tanto a conselleira do Mar como a directora de Portos de Galicia seguen defendendo publicamente a proposta de depositar os lodos na ría de Arousa e desbotan a posibilidade de retiralos e tratalos en terra polo seu alto custo e pola incidencia do tráfico de camións no centro da cidade de Pontevedra. A este respecto, a presidenta de Portos falou da necesidade de que 4.000 camións pasen polo centro de Pontevedra e a conselleira elevou a cifra a 11.000. Como é obvio, os camións non terían que circular polo centro de Pontevedra, en todo caso faríano por un pequeno treito do vial de Beiramar, un operativo que debería ser estudado e coordinado co concello de Pontevedra.

 

Novas iniciativas parlamentarias do BNG

Diante da parálise do proxecto e do incumprimento do acordo parlamentario, o BNG rexistrou unha proposición non de lei coa seguinte proposta de acordo

O parlamento insta á Xunta de Galiza a realizar unha proposta para a retirada e tratamento en terra dos lodos procedentes da dragaxe da canle do río Lérez que pola súa potencial carga contaminante ou prexudicial non sexan susceptíbles de ser utilizados para a rexeneración doutras zonas da ría.

Ademais, rexistramos as seguintes preguntas parlamentarias:

  • Que medidas levou a cabo a Xunta de Galiza para o cumprimento do acordo parlamentario do pasado mes de xuño de 2019, relativo ao depósito dos lodos procedentes da dragaxe do río Lérez?
  • Considera a Xunta de Galiza a posibilidade de darlle unha solución diferenciada aos materiais areosos, susceptibles de ser utilizados para a rexeneración doutras zonas da ría,e os lodos que poidan conter elementos contaminantes ou prexudiciais para o medio mariño?
  • Considerou a Xunta de Galiza a posibilidade de retirar e tratar en terra os lodos da canle do río Lérez?
  • Mantivo contactos co goberno municipal de Pontevedra sobre a viabilidade desta proposta?

 

O BNG propón que Portos estude a retirada e tratamento dos lodos da dragaxe do Lérez