O BNG pide que se denegue a autorización do Parque eólico Carballoso pola súa incompatibilidade cos valores naturais, culturais e paisaxísticos
Pontevedra, 28 de marzo de 2023. O deputado do BNG, Luís Bará, acompañada pola tamén deputada Alexandra Fernández, o responsábel local e a candidata á alcaldía de Fornelos, Pedro Pérez e Mila Casal, o militante de A Lama, Aitor Maquieira e a Viceresponsábel comarcal do BNG, Ana Peralba, presentaron na subdelegación do goberno un escrito solicitando que se denegue a aprobación do proxecto eólico de Carballoso pola súa incompatibilidade coa protección dos valores naturais, culturais e paisaxísticos e ser contrario á zonificación ambiental establecida polo ministerio para a Transición ecolóxica e o reto demográfico.
O proxecto en cuestión é unha reformulación do parque eólico “Coto das Airas”, que ve incrementada a súa potencia até os 50 MW para acollerse ao previsto no RD Lei 6/2022, de medidas urxentes no marco do “Plan Nacional de resposta ás consecuencias económicas e sociais da guerra de Ucraina”. Mais non está xustificada esta urxencia ao tratarse dun proxecto que xa estaba en tramitación antes do comezo do conflito bélico. “Acolléronse a esta lexislación de guerra -sinala Bará- para furtar a avaliación ambiental e as garantías de participación pública”.
Bará chama a atención que Xunta non emitise ningún informe, a pesar de afectar a ecosistemas prioritarios
Bará denuncia que o informe de determinación ambiental ten importancias carencias, omite información relevante e incorre en numerosas irregularidades.
Así, existe unha incorrecta avaliación dos valores ambientais da zona, xa que existen hábitats de interese prioritario, de interese comunitario e hai presenza de especies incluídas no Catálogo de Especies Amenazadas. A protección destes hábitas figura no Marco de Acción Prioritaria para Natura 2000 en Galiza. Ademais existe unha incorrecta avaliación do impacto paisaxístico, ao non valorarse a afectación á Área de Especial Interese Paisaxístico Serra do Suído.
Tampouco se fan referencias e valoración da Reserva Natural Fluvial do Río Parada de Valdome, xa que tanto a poligonal como as obras de construción deste parque eólico lle afectan directamente.
Ademais, o deputado nacionalista fai referencia a que a Serra do Suído “atesoura unha extensa rede hídrica”. Moitas das cabeceiras e nacentes dos ríos Avia, Tea, Verdugo, Xesta e Oitavén nacen a moi pouca distancia, de xeito que a construción de pistas e zanxas pode ter consecuencias na distribución da rede hidrográfica. polo que é necesario e pertinente un informe dos organismos da bacía Galiza Costa e Miño-Sil.
O proxecto afectaría a zonas hábitats prioritarios como turbeiras e humedais, e tería unha grande incidencia sobre hábitats de aves protexidas, un argumento que foi esgrimido pola propia Xunta de Galiza para informar negativamente a varios parques eólicos na mesma zona.
Por se non abondase, o parque eólico tería un grande impacto sobre o patrimonio cultural, xa que a serra contitúe unha unidade etnográfica composta por un sistema de construcións estacionais de manexo do gando: chozos, sesteiros, curralas e cortellos. Estas construcións, están feitas mediante a técnica da “pedra seca”, declarada patrimonio inmaterial pola UNESCO.
Bará salienta que en atención a estes valores singulares e únicos da Serra do Suído, “foi recoñecido como “paisaxe cultural” polo Instituto do Patrimonio Cultural de España. Afectados tamén estarían os foxos do lobo e os camiños tradicionais.
Resulta chamativo o silencio da Xunta, que non emitiu ningún informe, a pesar de afectar a ecosistemas considerados prioritarios.
O BNG co escito presentado na subdelegación do goberno, demanda do goberno do Estado que aplique o principio de precaución nas intervencións que poden afectar aos espazos naturais ou ás especies silvestres, que proceda a unha avaliación integral dos efectos adversos e dos impactos negativos da construción do parque eólico en hábitats prioritarios, en especies protexidas, na área de interese paisaxístico Serra do Suído, na reserva fluvial do río Parada do Valdohome, nos humedais protexidos, no patrimonio cultural e, especificamente, na paisaxe cultural do Suído e, en consecuencia, denegue a aprobación do proxecto pola súa incompatibilidade cia protección dos valores naturais, culturais e paisaxísticos