O BNG leva ao pleno do parlamento galego a situación da sanidade de Soutomaior
Soutomaior, 23 de novembro de 2020. O pleno do Parlamento Galego acollerá este mércores un debate sobre a situación da sanidade pública no concello de Soutomaior. Farase no marco dunha pregunta rexistrada polo grupo parlamentar do BNG na que o portavoz municipal de Soutomaior e deputado no Parlamento Galego Manu Lourenzo se dirixirá ao conselleiro de sanidade Julio Comesaña para esixir solucións aos graves problemas da sanidade de Soutomaior.
A situación da sanidade pública de Soutomaior leva varios anos motivando mobilizacións. Trátase dun concello onde tan só hai 3 médicos para atender a máis de 7500 habitantes e no que os cupos sanitarios superan os 1700 pacientes por médico. Esta situación que provoca retrasos habituais na atención primaria, agrávase ata punto de producir colapsos cando o SERGAS non cubre as baixas dalgún dos médicos. Neste verán déronse situacións nas que a as esperas para ter unha cita de atención primaria superaban os 15 días e mesmo o centro de saúde quedou durante varios días cun único médico para atender a 7500 habitantes co risco que isto supón no caso de urxencias.
Outro dos aspectos que motivou mobilizacións por parte da veciñanza é a situación do consultorio de Soutomaior que leva pechado dende o pasado mes de marzo.
O deputado do BNG Manu Lourenzo sinalou que “prometemos defender a nosa sanidade pública no Parlamento e cumprimos coa nosa palabra” e criticou que tanto dende o SERGAS como dende o goberno local traten de impoñer cortinas de fume,como a ampliación do centro de saúde, para ocultar a situación dramática de falta de médicos. “Primeiro dicían que non había sitio para tres médicos no centro de saúde de Arcade e agora que pechan o consultorio de Soutomaior resulta que xa si hai espazo. Se queren falar de sanidade en termos serios, falemos dun novo centro de saúde que atenda as demandas de toda a veciñanza do concello, que garanta o servizo pediátrico, de matrona ou doutros servizos sanitarios, pero o SERGAS debe cesar no maltrato á nosa veciñanza e iso pasa de xeito urxente e inmediato por datar ao noso concelo de máis médicos.