PORTOS QUERE COBRARLLES UNHA TAXA DE 1500 EUROS ANUAIS
O BNG leva ao Parlamento a situación do peirao de embarcacións tradicionais da Chousa (Combarro)
Poio, 19 de febreiro de 2021. O BNG mantivo no día de onte unha reunión telemática de urxencia co Clube Mariño “A Reiboa” para analizar a situación do pantalán de embarcacións tradicionais existente no Peirao da Chousa (Combarro), despois de que Portos de Galiza procedese a requerir o cobro da taxa X-5, cun custe de 1.500 euros anuais, a pesar de que se trata dun clube que utiliza estes amarres sen ningún tipo de ánimo de lucro.
Dende o ano 2011 o Clube Mariño “A Reiboa” ten recoñecido este pantalán para uso exclusivo de embarcacións tradicionais. Dende o BNG queremos salientar a importancia deste espazo pola súa función social e como recoñecemento formal da súa existencia e polo seu valor social e cultural.
Unanimidade no Concello de Poio
Neste sentido, o pleno do Concello de Poio aprobou no mes de xaneiro, por unanimidade, unha moción na que se urxe a Portos a articular medidas que resolvan de xeito definitivo este problema e se recoñeza a singularidade cultural destas embarcacións.
A moción aprobada solicita ao Parlamento de Galiza a que se sume a esta petición, facéndoa extensíbel ao resto de instalacións que estean nunha situación análoga á de Combarro. Ademais, ínstase á Consellería de Cultura, a que desenvolva o Decreto 52/2019, concretamente a parte correspondente ao órgano de xestión de salvagarda do mesmo e ao censo de Embarcacións Tradicionais. A petición inclúe a solicitude a Portos de que manteña as condicións da autorización de ocupación do pantalán, eximindo do pago da taxas, ou que sexa bonificada ao 100%.
O Clube Mariño "A Reiboa" leva dúas décadas desenvolvendo un grande labor de conservación e promoción do grande patrimonio vencellado á tradición mariñeira de Combarro
A Corporación solicita ademais da Xunta que adopte todas as medidas oportunas para que no citado pantalán se poidan desenvolver as actividades de divulgación que corresponden a unha Mariña Tradicional.
Paralelamente, o BNG, a través do deputado Luís Bará, levará as demandas do Clube Mariño “A Reiboa” ao Parlamento Galego, para que poida continuar co seu grande labor na conservación e promoción deste grande patrimonio vencellado á tradición mariñeira de Combarro.