O BNG insta á Xunta a habilitar axudas ao marisqueo

Bará, Rosana e Marga en Campelo
Bará, Rosana e Marga en Campelo
O BNG insta á Xunta a habilitar axudas ao marisqueo

Poio, 27 de outubro de 2020. A deputada do BNG no Parlamento Galego responsábel de pesca e marisqueo, Rosana Pérez, o deputado responsábel da comarca de Pontevedra, Luis Bará, e a Tenente Alcalde de Poio e portavoz municipal do BNG, Marga Caldas, mantiveron esta mañá reunións coas agrupacións de mariscadoras, coas Confrarías de Pontevedra, Lourizán e Raxó e con Ameconrra, e manifestáronlle o seu apoio para trasladar ao Parlamento Galego as demandas dun sector estratéxico para o país, como é o do mar, que está a ser moi castigado pola crise da COVID-19.

Entre os temas abordados, Luís Bará citou a dragaxe do Lérez, unha reivindicación que vén de vello e que ten unha grande incidencia tanto na navegabilidade do río como “no aproveitamento marisqueiro”, un tema urxente do que o BNG xa presentou unha nova iniciativa na que se insta “á Xunta de Galiza a realizar unha proposta para a retirada e tratamento en terra dos lodos procedentes da dragaxe da canle do río Lérez que pola súa potencial carga contaminante ou prexudicial non sexan susceptibles de ser utilizados para a rexeneración doutras zonas da ría”. 

Así mesmo os deputados nacionalistas informaron que o BNG logrou un acordo unánime do Parlamento, dentro do seno da Comisión de Pesca, para que os fondos non executados da liña de axudas ao marisqueo polo cese de actividade durante o estado de alarma, dotada con 5,2 millóns de euros, sexan de novo destinados ó sector”

Nas reunións abordáronse como lle está a afectar a crise do COVID-19 e como lle pode afectar nun futuro ao sector do marisqueo a pé e a flote. Neste sentido, Rosana Pérez afirmou que “desde o verán para aquí o sector vese moi afectado na súa economía pola caída da demanda e, polo tanto, dos prezos”.  Neste sentido, a deputada nacionalista anunciou que o BNG presentará iniciativas no Parlamento Galego, porque “entendemos que a Xunta de Galiza, que ten as competencias exclusivas, debe volcarse no marisqueo poñendo en marchas axudas especificas para o sector”.

Pola súa banda, Marga Caldas afirmou que desde o goberno municipal de Poio se ten un contacto directo co sector do mar, do que viven máis de 500 mariscadoras de a pé e un cento de barcos de a flote. A Portavoz nacionalista lembrou que na primeira fase da pandemia a Xunta deixou de lado ao sector do mar e o Concello tivo que facerse cargo de todas as medidas de protección e de todas as súas necesidades.

Outros asuntos que se abordaron nas reunións foron a necesidade de que a Xunta actúe na Lonxa de Campelo mellorando a súa a accesibilidade e ampliando as zonas comúns, e facilite material de protección para traballar con todas as garantias anti COVID19.

 

 

 

 

O BNG insta á Xunta a habilitar axudas ao marisqueo