O BNG insta á Deputación a aumentar os medios do servizo de Arquitectura provincial para sacar adiante os proxectos de Santa Clara e os edificios centrais do Museo
Pontevedra, 28 de novembro de 2025. O BNG solicitou hoxe á Deputación que destine máis medios ao servizo de Arquitectura provincial para sacar adiante canto antes os proxectos de Santa Clara e os edificios centrais do Museo. O Bloque realizou esta petición debido a que o goberno do PP está a cargar de traballo ao departamento provincial con encomendas externas que, a xuízo das nacionalistas, van sumarse ás tarefas que xa asume, o que “podería derivar nun novo retraso neses proxectos de Santa Clara e o Museo, que deberían ser vitais e prioritarios”.
Ante a ausencia de César Mosquera, quen está a participar no VIII Encontro de Cidades pola seguridade viaria e a mobilidade sustentábel da DXT e a FEMP en Badaxoz, a encargada de ocupar a portavocía no Pleno foi a deputada María Ortega. A nacionalista destacou que o BNG considera “loable” e “acertado” que a Deputación colabore coa UNED na mellora do seu edificio en Pontevedra facilitando asesoramento, apoio e asistencia técnica través do servizo de Arquitectura Provincial. Porén, subliñou que ese departamento é o responsable tamén da supervisión e informe sobre a reforma de Santa Clara, cun proxecto básico que leva tempo feito, pero que é preciso modificar para conseguir licencia introducindo os cambios anunciados por parte do vicepresidente Domínguez.
Así mesmo, a rehabilitación dos Edificios Centrais do Museo, que aínda está en fase de modificación do proxecto despois de máis de dous anos do PP no goberno, tamén debe ser fiscalizada por parte do servizo de Arquitectura. “Todo isto tradúcese, sabémolo, nun labor inxente, detallado e coidadoso que ocupa horas de dedicación a edificios que son, ou deberían ser, a xoia da coroa”, insistiu Ortega.
A nacionalista lembrou, a máis, que o vicepresidente Domínguez acusara ao anterior goberno provincial de deixar o departamento de Arquitectura fóra dos proxectos de Santa Clara e dos Edificios Centrais do Museo. Ironizou que, “de ser certa esa afirmación, a realidade sería que o volume de traballo nestes dous anos tería aumentado de maneira exponencial para o servizo e que, por tanto, a equipa debe estar a día de hoxe ao límite de capacidade, senón xa sobrepasada”.
Por isto, o BNG solicitou á Deputación que, antes de admitir encomendas externas como a da UNED, debe dimensionar correctamente o departamento de Arquitectura Provincial para “dar conta do recado” e que os edificios propios “non queden aparcados”. “Vostedes, que teñen a responsabilidade de gobernar, saberán o que teñen que facer. O persoal desta casa ten que supervisar e informar os proxectos do Museo e Santa Clara. Se agora lle aumentan a carga de traballo con encomendas externas, incrementen tamén os seus medios”, pediu Ortega.
Finalizou asegurando que “temos a esperanza de que a sobreesixencia que están a facer caer sobre o persoal propio non supoña un novo retraso nas obras. Quero lembrar que xa van perder unha subvención polo actual estancamento dos proxectos. Agardamos que a saturación en Arquitectura non supoña unha nova escusa, como as moitas que xa da o vicepresidente Domínguez, para xustificar novas demoras”, subliñou Ortega.