O BNG insta ao Concello de Soutomaior á adherirse ao Plan de compostaxe
Soutomaior, 14 de febreiro de 2015. O BNG ven de presentar no concello de Soutomaior unha moción en defensa do medio ambiente e da reciclaxe no tratamento dos residuos orgánicos, instando ao Concello a adherirse ao tratamento de residuos orgánicos baseado na compostaxe do Plan da Deputación e o Concello de Pontevedra.
A seguir adxuntamos o texto da moción presentada:
"Vimos de ver nos últimos meses como dende o Concello de Pontevedra e a Deputación Provincial de Pontevedra se acadou un acordo para levar adiante un plan de xestión de residuos orgánicos baseado na compostaxe.
Dende o BNG, sempre apostamos por un tratamento dos residuos que partira do modelo das 3 R, isto é: reducir, reutilizar e reciclar. Mais a actitude do Partido Popular foi sempre outra, apostando por modelos baseados na centralización e na incineración e que, co paso dos anos, se demostraron moi lesivos para os intereses de Galiza.
Entendemos que este acordo entre a Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Pontevedra é un paso adiante no camiño da ecoloxía e da defensa do medio natural. O actual modelo de xestión de residuos (SOGAMA) está a presentar importantes eivas. Dende o BNG sempre nos amosamos críticos con este modelo por considerarmos que nun país coma o noso, coa poboación tan dispersa, o tratamento do lixo non debía realizarse a través dun sistema baseado en gran medida na incineración e na centralización. Desafortunadamente, o tempo deunos a razón unha vez máis, e este modelo causou, ademais dun grande impacto ecolóxico para o noso medio natural, un grande gasto para as veciñas e veciños, con continuas subas nos recibos do lixo.
Cómpre sinalar tamén que existe unha normativa europea coñecida como Horizonte 2020 que marca que nese ano (2020) se establece a data límite para reciclar o 50 % dos residuos domésticos, así como para reducilos un 10 %. As diverxencias entre os datos de reciclaxe en Galiza e este obxectivo poñen de manifesto que SOGAMA é un modelo fallido, e que de seguir por esa liña, non será posible cumprir con esta normativa.
O actual plan de xestión da Deputación e do Concello de Pontevedra, salvou dúas das maiores dificultades para a súa posta posta en práctica. Por unha banda, acadouse un acordo entre as institucións responsábeis, e pola outra; a comunidade de montes da Canicouva ofertou os seus terreos para instalar a planta de compostaxe.
Entendemos que sería ideal un modelo na que as nosas comunidades de montes obtivesen os beneficios directos desta práctica, mais compre tamén sinalar que a oferta de terreos que fixeron os comuneiros da Canicouva, atópase nun lugar moi próximo ao noso concello, polo que a nosa participación neste plan sería ecolóxica e eficaz.
As compostaxe é un modelo vangardista na xestión de residuos orgánicos que conta con máis de 2000 plantas en toda Europa e que reporta importantes beneficios ás comunidades que as acollen.
Por estes motivos o Concello de Soutomaior adopta o seguinte acordo:
- Adherirse ao tratamento dos residuos orgánicos baseado na compostaxe do Plan da Deputación e do Concello de Pontevedra.
- Comunicar á Deputación de Pontevedra e ao Concello de Pontevedra