O BNG desenvolverá unha ofensiva institucional e social para evitar o peche de oficinas bancarias

2021-08-23 11.16.57-DSCF3996
O BNG desenvolverá unha ofensiva institucional e social para evitar o peche de oficinas bancarias

Pontevedra, 23 de agosto de 2021. O BNG mantivo no día de hoxe unha reunión do deputado Luís Bará con representantes dos concellos das comarcas de Pontevedra e O Morrazo afectados polo peche de oficinas bancarias na que participaron o responsábel comarcal do BNG en Pontevedra-Caldas, Demetrio Gómez, a concelleira de Poio, Marga Caldas, o responsábel local de Cerdedo-Cotobade, Anxo Santomé, o militante de Campo Lameiro, César Tosar, a concelleira de Moaña, Dolores Chapela e a concelleira e responsábel local de Marín, Lucía Santos. Na reunión acordouse desenvolver unha ofensiva tanto institucional como de mobilización social para poñer freo a esta situación, máxime cando xa hai enriba da mes a unha data, o 8 de setembro, na que se prevé que teñan lugar os primeiros peches. 

“O BNG denuncia a existencia dun proceso continuado, sistemático e planificado de concentración bancaria, de privatización, de peche de oficinas, de despedimentos e precarización laboral, que está provocando -coa excusa da pandemia- unha aceleración dos abusos e da exclusión bancaria”, afirmou o deputado nacionalista Luís Bará. Este proceso afectalle a unha parte importante da poboación por razóns económicas, xeográficas e de acceso ás novas tecnoloxías.

2021-08-23 12.01.36-DSCF4004

No caso dos abusos bancarios Bará salientou: a redución do horario de atención ao público (pactado entre todas as entidade bancarias), que chega até as 11 da mañá, e que está provocando aglomeracións e empeoramento da calidade do servizo: o aumento das comisións bancarias, que afecta á poboación con menores recursos económicos, e a aceleración de todo o proceso de banca electrónica, que deixa fóra a unha parte importante da poboación. “Todo isto estase producindo -dixo Bará- coa complicidade da Xunta de Galiza, porque, ao mesmo tempo que se pechan oficinas e se produce todo este proceso de exclusión, convoca unha liña de axudas de 7000.000 euros para poñer caixeiros automáticos alí onde se pechan as oficinas”.

Bará insta á Xunta a presionar a Abanca para evitar o peche de oficinas no rural, que leva á exclusión bancaria a unha parte importante da poboación
 

O deputado nacionalista non dubidou en cualificar de obscena e escandalosa que se pechen oficinas e teñan lugar estes abusos bancarios cando as entidades financeiras tiveron beneficios multimillonarios en 2020 (137 millóns de euros Abanca, 1608 do Santander e 1210 do BBVA), os seus directivos cobran salarios millonarios, emigra o aforro galego e a banca non devolveu as axudas pública do seu rescate (máis de 60.000 millóns, dos que 9.000 corresponderían ás antigas caixas que formaron Abanca).

Para evitar o peche das oficinas e denunciar todos estes abusos, o BNG vai desenvolver unha ofensiva, convocando concentracións e mobilizacións nas zonas afectadas -para as que nos se poñerá en contacto coa CIG e con distintos colectivos sociais-e levará o problema tanto aos Concellos como ao Parlamento galego.

O BNG desenvolverá unha ofensiva institucional e social para evitar o peche de oficinas bancarias