CONCENTRACIÓNS DIANTE DA OFICINA DE ABANCA O MARTES 24 ÁS 12 H. E O VENRES 27 ÁS 20.30 H.
O BNG apoiará todas as medidas que se adopten para evitar o peche da oficina de Abanca en Campo Lameiro
Campo Lameiro, 18 de agosto de 2021. Se non o evitamos, en pouco tempo Campo Lameiro pode quedar sen a única oficina bancaria que existe no noso municipio, e que dá servizo tanto aos veciños e veciñas como aos negocios, un novo golpe para un concello rural que vé como pouco a pouco van desaparecendo servizos básicos para poder desenvolver a vida con normalidade.
Lembremos, ademais, a alta porcentaxe de poboación maior de que temos (o 20% é maior de 75 anos e o 33% maior 65 anos) co que iso implica á hora da mobilidade e de poder facer xestións telemáticas.
Apostar polo rural non debe quedar só nun slogan. De nada valen promesas bonitas se non van acompañadas de feitos. En Campo Lameiro levamos moitas décadas perdendo poboación a un ritmo acelerado (desde o ano 2000 perdemos máis de 600 veciñas e veciños), un declive continuado que pouco ten que ver con maldicións bíblicas e si moito co desleixo e o abandono do rural promovido, por activa ou por pasiva, polas administracións públicas competentes, comezando pola Xunta de Galiza.
Perder un servizo máis pode ser unha estocada definitiva para Campo Lameiro. Furtarlle aos veciños e veciñas poder acceder aos seus cartos cando o desexen, unha afronta que non pode quedar sen unha resposta contundente da administración municipal e da sociedade. Por iso o BNG de Campo Lameiro apoiará sen fisuras calquera medida de presión que se adopte tanto desde o Concello como desde a veciñanza para evitar o peche da sucursal de Abanca, comezando polas concentracións convocadas para os vindeiros días diante da oficina de Abanca: o martes 24 ás 12 convocada polo sindicato nacionalista CIG e o venres 27, ás 20.30 h. convocada polo Concello de Campo Lameiro.
Álvaro Franco apela á unidade política e social para facer fronte a este abuso e insta á Xunta a non mirar para outro lado e evitar o desmantelamento de servizos básicos nos concellos do Rural
Resulta indecente que un banco -rescatado cos cartos de todas e todos nós- e logo regalado a prezo de saldo presuma de beneficios millonarios ao tempo que pecha sucursais, bota xente ao paro e nega servizos esenciais á poboación. Pero tamén resulta indecente que o goberno galego -que no seu momento renunciou a facer do banco resultante da fusión das caixas un banco público que dese servizo á veciñanza e ás empresas deste país- en vez de presionar a Abanca para evitar o peche das sucursais no rural, se adique a premiar con millóns de euros o desmantelamento das oficinas no rural.
O BNG fará todo o posíbel para evitar o peche da oficina de Abanca e esíxelle á Xunta e ao PP que obrigue á compañía a mantela aberta.
Por un rural con futuro. Defendamos o futuro de Campo Lameiro. Non ao peche da oficina de Abanca !!!