A DECISIÓN DA XUNTA PRIVA DE FORMACIÓN E EMPREGO A DUCIAS DE PERSOAS
O BNG denuncia a situación de Aixola, que leva dous anos pechado
O BNG volve insistir en sede parlamentaria na situación na que se encontra o Centro de Formación Aixola, que foi pechado pola Xunta de Galiza en xullo de 2017 e ainda non volveu reabrir despois de dous anos de parálise.
Por este motivo, o grupo parlamentar do BNG volveu rexistrar iniciativas parlamentarias en forma de proposición non de lei e de preguntas ao goberno. O deputado nacionalista Luís Bará solicita que o goberno galego proceda á inmediata reapertura de Aixola con cando menos a mesma oferta formativa ofrecida no curso 2016-2017. Para tal fin, procederá a iniciar o procedemento para a contratación do persoal docente e para a inscrición das persoas interesadas en facer os cursos, co obxectivo de que se reanuden as actividades o antes posible.
Bará tamén formula diversas preguntas ao goberno para saber cales son as causas do peche do centro, que desde o ano 2004 depende do Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), e para coñecer as previsións do goberno galego para a súa reapertura.
O deputado nacionalista denuncia a incompetencia e a parálise que reina nas consellarias do Mar e de Emprego e Industria: Na do Mar, porque foi ata agora a responsábel da xestión do centro; e na de Industria, porque ten as competencias en materia de formación non regrada para o emprego e foi incapaz de conseguir os fondos para reabrir Aixola”.
Bará considera que a mala xestión da Xunta de Galiza ten graves consecuencias porque supón un forte dispendio de fondos públicos, polo grande investimento en maquinaria e materiais que agora están inutilizados e porque as instalacións ocupan, sen darlle uso en dous anos, unha nave cedida polo Porto de Marín.
Mais a consecuencia máis grave, para o BNG, é que a Xunta pecha as portas á formación e á integración laboral de centos de mozos e mozas da comarca de Pontevedra, que tiñan no centro de Formación Aixola unha vía para o acceso a un posto de traballo.
Historia do centro de formación Aixola
O Centro de Formación Aixola é un centro formativo dependente da consellaría de Pesca que iniciou a súa actividade no ano 1997 no Porto de Marín. Desde o ano 2004 a xestión do proxecto está encomendada ao Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación CETMAR.
Trátase dun centro pioneiro e singular, referente na formación de profesionais do sector naval e pesqueiro, que ofrece formación teórico-práctica encamiñada ao mercado laboral, con cursos de Composites, Madeira, Instalacións, Redes, Plásticos, Pneumáticas ou Velería.
Un dos obxectivos da Aixola é a integración ou reintegración no ámbito laboral. Segundo os datos recollidos na súa páxina web, o centro presenta uns índices elevados de inserción laboral, que no curso 2015-2016 superou o 80% nas áreas de madeira, composites e redes.
Ademais da inserción laboral, o centro tamén desenvolveu un importante labor relacionado coa construción e reparación de barcos e coa conservación de embarcacións tradicionais, en colaboración con distintas administracións. E a maiores tiña abertas liñas en materia de I+D+I pública que quedaron paralizadas, fundamentalmente relacionadas coa innovación no deseño de materiais.
Malia os bos resultados do centro, pechou a súa actividade a finais do curso 2016-2017 e leva xa máis de dous anos pechado. Ainda que existen numerosas persoas interesadas en facer os cursos, non se coñece a data de reapertura da escola.