O BNG denuncia que a area sanitaria Pontevedra-O Salnés está convertida no quilómetro cero da desfeita sanitaria do PP
Pontevedra, 18 de xullo do 2022. Os deputados da area sanitaria Pontevedra-O Salnés, Luís Bará, Paulo Ríos e Manu Lourenzo compareceron hoxe, xunto coa portavoz parlamentaria do BNG, Montse Prado para denunciar que os trece anos de recortes do PP na sanidade pública converteron á área sanitaria Pontevedra-O Salnés, no epicentro, na zona cero, da desfeita sanitaria, e para pedir aos responsábeis da Xunta que deixen de botar balóns fóra e tomen medidas que garantan a atención sanitaria á veciñanza, que coiden ao persoal sanitario e que aumenten o orzamento destinado a atención primaria.
Bará denunciou que o vivido nos PACs da area sanitaria a pasada fin de semana foi algo “nunca visto”, pola falta de persoal sanitario, con centros ao 20-30% e outros sen ningún persoal médico. Bará non dubidou en sinalar ás políticas de 13 anos recortes do PP como os causantes deste estrago na atención sanitaria.
Bará sinala que a poboación está nunha situación de desamparo por parte da Xunta
O deputado nacionalista censurou as declaracións do xerente da area sanitaria e do conselleiro por tentar ocultar a realidade e pola acusación velada ás e aos profesionais por acollerse ao seu dereito a baixas e vacacións. Bará lembrou que se aínda resiste o sistema é polo compromiso das e dos traballadores sanitarios, que viven unha situación de auténtico esgotamento.
Emerxencia sanitaria
A portavoz de sanidade do grupo parlamentar do BNG, Montse Prado, cualificou a situación de “emerxencia sanitaria”, sobrepasándose todas as liñas vermellas. A deputada nacionalista afirmou que se trata “dunha voadura programada da sanidade pública por parte do PP, e que non se deriva da falta de persoal médico senón das políticas suicidas, temerarias levadas a cabo polo partido popular”. “Médicxs, pediatras, enfermeirxs, matronas… non desapareceron da noite para a mañán senón que esa falta de profesionais son consecuencia destes 13 anos de políticas constantes de deterioro da sanidade pública para engordar o negocio da privada”, sinalou a deputada.
Prado lembrou que tanto o BNG no Parlamento, como a sociedade galega através de mobilizacións masivas, “levamos anos advertindo dunha situación que se vía vir co elevado número de xubilacións do persoal médico que se ía producir, e demandando medidas e un novo modelo de atención primaria para que non chegáramos a esta situación na que estamos hoxe, e o PP fixo ouvidos xordos a todas estas demandas.
Prado cualificou de “tremendo” que a pasada fin de semana as máis 300.000 persoas da area sanitaria quedaran practicamente sen ningún médico nos PACs. Así, ilustrou que o “venres pola noite non houbo ningún persoal médico nos PACs de Cambados, Vilagarcía, O Grove, Bueu e Marín, mentres que no da Parda había un en vez de tres, ou no de Baltar un só pola tarde e ningún pola noite, Estamos ante un caso de auténtica emerxencia sanitaria”.
Montse Prado insta á Xunta a dar explicacións e rectificar para non seguir poñendo en risco a saúde de máis de 300.000 persoas
Esta situación dramática súmase unha situación xeral da atención primaria, onde os centros de saúde da area están baixo mínimos. Neste sentido, Montse Prado puxo os puntos sobre as ies, ao poñer os datos significativos dalgúns dos centros da nosa area sanitaria. Así, no Grove levan días con só un ou dous facultativos (só atendendo urxencias e sen axendas abertas até outubro); en Marín hai oito dos catorce que tiña que haber, en Poio e Cambados faltan catro, no Virxe Peregrina de Pontevedra hai só oito dos vinteun que tiña que haber, en Barro e na Illa de Arousa de dous hai un, en Cuntis un de tres, en Vilagarcía faltan máis da metade, en Raxó e Cerdedo están sen médico, por non falar do servizo de pediatría eliminado ou reducido á mínima expresión en moitos dos concellos da área sanitaria.
“É fácil de entender, que se non servizo médico nos PACs, a veciñanza teña que recorrer aos de urxencias dos hospitais”, afirmou a deputada nacionalista, que puxo como exemplo urxencias de Montecelo, onde a xente está amoreada e ten que esperar horas a ser atendidas, horas para conseguir unha cama e días para conseguir un ingreso.
A todo isto temos que sumar a situación deficitaria do servizo de ambulancias, que non dá para atender ás necesidades da poboación, e que está a provocar que cada vez haxa máis mortes de persoas que están a agardar por unha ambulancia.
Por último, Montse Prado lembrou que das persoas que remataron medicina de familia nos últimos cinco anos, a metade non están traballando nos centros de saúde polas infames condicións laborais, e dos que remataron este ano, apenas o 40% aceptou traballar en atención primaria. Esta situación repercute tamén na atención hospitalaria con listas de espera brutais para intervencións, para probas diagnósticas e para consultas.