O BNG denuncia que 13 dos 14 convenios de urbanizacións de vías provinciais asinados pola Deputación nos últimos dous anos beneficiaron a concellos do Partido Popular

César Mosquera
César Mosquera
O BNG denuncia que 13 dos 14 convenios de urbanizacións de vías provinciais asinados pola Deputación nos últimos dous anos beneficiaron a concellos do Partido Popular

Pontevedra, 10 de novembro de 2025. O BNG denunciou que 13 dos 14 convenios de urbanizacións de estradas provinciais asinados pola Deputación nos dous últimos anos beneficiaron a concellos do Partido Popular. Así o evidenciou o voceiro César Mosquera, quen subliñou que o PP está a utilizar a institución para favorecer a concellos nos que está na Alcaldía e tamén, ademais, para “vender” axudas e subvencións a asociacións e colectivos a través de concelleiros ‘populares’ na oposición para o seu beneficio directo e partidista. O portavoz nacionalista fixo estas declaracións no Pleno no que o Bloque votou en contra dos Orzamentos para 2026 pola “demolición” de áreas como Igualdade, Lingua, Revitaliza ou Seguranza Viaria, polo baixón do 40% nos fondos para o Museo e pola discriminación nas transferencias a Pontevedra. 

Mosquera destacou que a urbanización das estradas provinciais é unha competencia que corresponde aos concellos, que deben responsabilizarse da mellora de beirarrúas e servizos, reducíndose a obriga do goberno provincial a actuar só na calzada. A pesares desta premisa básica, o voceiro destacou que a Deputación asinou entre 2024 e 2025 un total de 14 convenios para urbanizar vías provinciais: “Para concellos do Partido Popular, 13, e para os que non son do Partido Popular, un, que viña de atrás”, abondou. 

A relación de concellos beneficiados, que se pode consultar no portal de Transparencia da propia Deputación, é a seguinte: Arbo, Baiona, Cerdedo-Cotobade, Crecente, Lalín, Marín, Mos (con 2 convenios), Oia, Poio, Sanxenxo e Vilanova de Arousa (con outros 2 convenios), ademais de Cangas, cun acordo que se empezara a negociar co anterior goberno provincial. 

“Iso é como están xestionando as estradas provinciais. Outras actuacións necesarias nas vías provinciais repartíronas como foi necesario (...),  mais están utilizando a Deputación para beneficio directo cos convenios de urbanización onde están no goberno, e onde non o teñen, a través das subvencións ás asociacións”, subliñou Mosquera, criticando que o presidente e as deputadas provinciais están a “repartir cheques” entre o movemento asociativo para subir puntos nos concellos nos que o PP está na oposición. 

“A coincidencia da presidencia na Deputación coa presidencia do PP provincial -do presidente Luís López- está a crear conflito porque vaise máis por reforzar a estrutura do PP que pola Deputación. As actuacións -do goberno provincial- reuníndose coa oposición nos concellos sen levar a representantes das alcaldías son prácticas que criamos desapareceran, pero que volve habelas”, dixo o portavoz do Bloque. 

Orzamentos

O voceiro do BNG César Mosquera fixo a crítica ao partidismo do PP durante o debate dos Orzamentos para 2026. O grupo nacionalista votou en contra da proposta feita polo Partido Popular e argumentou a súa postura polo “labor de demolición” do goberno provincial en diferentes áreas que baixaron o seu peso relativo con respecto ao orzamento total. 

Mosquera destacou que o departamento de Igualdade baixou un 36%, o de Lingua un 24%, o Revitaliza un 62%, e o de Seguranza Viaria un 93% -con respecto á época de Louzán-, a pesares de ter unha das provincias do estado con maior inseguridade nas estradas. 

Tamén subliñou que o organismo estrela da institución, o Museo provincial, sufriu unha baixada de orzamento do 40%, pasando de destinárselle o 5,45% do total a apenas o 3,4%. Puxo de manifesto que se “non foron capaces” de sacar en tempo e forma nin o concurso de restaurante nin a praza de Dirección -durante meses en situación “manifestamente ilegal”-, resulta evidente que tampouco hai capacidade de xestionar os fondos dispoñibles.  “Tomaron moi a mal que dixera que para que algo se movera -no Museo e Santa Clara- había que cambiar a persoa que tiña a súa responsabilidade, pero pasan os meses e non hai nada de nada, só perda de millóns e de subvencións”, insistiu Mosquera.

Con respecto á Bienal, evento do que o PP está a sacar peito polo seu suposto éxito, o voceiro do BNG retou á Deputación a celebrala en xaneiro, febreiro ou marzo en lugar de no verán, xa que atraería visitantes fóra da tempada alta. “Gustaríame ter unha avaliación obxectiva da Bienal. (...) O outro día aparecía que as cifras de visitas a San Domingos eran superiores en todo o ano. (...) Paréceme que, datos obxectivos en man, medianamente serios, non avalan para nada ese triunfalismo”. “Sería bo para Pontevedra e a provincia que viñeran visitantes fóra da época na que se aproveitou a facela... Sería unha demostración desa fe que hai na Bienal”, subliñou.

Transferencias a Pontevedra

Mosquera pechou as xustificacións do BNG do voto en contra do orzamento subliñando, de novo, a discriminación a Pontevedra nas transferencias da Deputación. Insistiu en que o goberno provincial está “puteando” á capital ao deixala por detrás doutros dez concellos da provincia nos cartos que a institución destina directamente ao Concello. Sinalou que non se poden contabilizar como cartos para Pontevedra os investidos pola Deputación en infraestruturas ou equipamentos propios e puxo como exemplo aclaratorio que tampouco se pode dicir que a Xunta dá moitos cartos ao Concello de Pontevedra por estar a facer o Novo Montecelo. “Poden facer trampas, manipular, pero os números son ‘tozudos’. (...) Aínda non se atreveron a desmentir o dato obxectivo de que hai dez concellos na provincia que levan máis transferencias da Deputación que o Concello de Pontevedra”, finalizou.

O BNG denuncia que 13 dos 14 convenios de urbanizacións de vías provinciais asinados pola Deputación nos últimos dous anos beneficiaron a concellos do Partido Popular