O BNG demanda á Xunta que inclúa unha partida no orzamento do 2024 para impulsar a dragaxe do Lérez
Pontevedra, 20 de setembro de 2023. O BNG vén de rexistar unha batería de iniciativas no parlamento galego para demandar á Xunta que retome e impulse o proxecto de dragaxe do río Lérez, que iniciou a tramitación en 2011 e leva 12 anos dando tumbos nos despachos da administración. O deputado nacionalista Luís Bará manifestou a súa preocupación pola parálise deste proxecto que é fundamental para recuperar a produtividade da ría, para mellorar a navegabilidade da canle do río e para garantir o bo funcionamento das instalacións náutico-deportivas.
A iniciativa do BNG demanda á Xunta a aprobación de tres medidas:
- Impulsar o proxecto de dragaxe do río Lérez, tomando como referencia o acordo parlamentario unánime de xuño de 2019.
- Realizar no último trimestre de 2023 un estudo e unha proposta para a retirada e tratamento en terra dos lodos procedentes da dragaxe da canle do río Lérez que pola súa potencial carga contaminante ou prexudicial non sexan susceptíbeis de ser utilizados para a rexeneración doutras zonas da ría.
- Incluir no orzamento da Xunta para 2024 unha partida que permita sufragar a primeira fase das obras de dragaxe do río Lérez.
Luís Bará responsabiliza a Rueda da parálise dun proxecto que comezou a tramitarse en 2011 e que é fundamental para a rexeneración do fondo da ría e para a mellora da navegabilidade do río Lérez
Bará lembrou que diante das discrepancias en relación coa zona de vertido das lamas potencialmente contaminantes, o Parlamento de Galiza aprobou en xuño de 2019 unha proposición non de lei na que se insta á Xunta á elaboración, conforme a normativa vixente e ás directrices existentes respecto deste tipo de actuacións, dunha proposta alternativa e sustentable para o depósito de materiais procedentes do dragado do río Lérez, de tal forma que se garante que estes non afectarán a ningunha das rías galegas, en especial á ría de Arousa.
Malia este acordo, tanto a conselleira do Mar como a directora de Portos de Galicia seguiron defendendo publicamente a proposta de depositar os lodos na ría de Arousa e desbotaron a posibilidade de retiralos e tratalos en terra polo seu alto custo e pola incidencia do tráfico de camións no centro da cidade de Pontevedra.
Luís Bará instou á Xunta a deixar de poner excusas e responsabilizou a Rueda da parálise dun proxecto que é fundamental para a rexeneración do fondo da ría e para a mellora da navegabilidade do río.