O BNG demanda á Xunta que axilice o traslado das naves da Xunqueira do Alba

Pontevedra, 20 de febreiro de 2025. Logo de tres anos sen avances no traslado das naves que a Xunta ocupa no ENIL da Xunqueira do Alba, o BNG rexistrou por medio do deputado por Pontevedra Luís Bará, unha batería de iniciativas parlamentares nas que demanda á Xunta que axilice a saída dos terreos que ocupa en dominio público marítimo terrestre, incumprindo a lei de Costas e coas concesións caducadas. Esta petición tamén lle afecta ao goberno central, que ocupa diferentes terreos e co que están abertas negociacións por parte do concello para o traslado das instalacións da Dirección Xeral de Tráfico.
No caso da Xunta, a administración autonómica ocupa dous predios: un de 8.700 metros cadrados que funcionaba até o ano pasado como centro loxístico, taller e base para o servizo de bombeiros forestais; e outro duns 5.000 m2 ocupado polas instalacións da Axencia Galega de Infraestruturas destinadas ao Centro de Conservación e Vialidade Invernal da Rede Autonómica de Estradas.
Luís Bará considera que a Xunta e o Estado dan moi mal exemplo incumprindo a lei de costas e ocupando terreos dun Espazo Natural de Interese Local (ENIL)
No que atinxe ás instalacións de Medio Rural, en resposta a unha pregunta parlamentar do BNG esta consellaría anunciou en marzo de 2022 o traslado do centro loxístico ao polígono de Botos (Lalín), a unha nave de nova construción que contaba con un orzamento de 1,3 millóns de euros e que está operativa desde comezos do ano 2024. No que respecta á base dos bombeiros forestais a previsión era o traslado ao polígono do Campiño, a unha parcela cedida polo Concello. A pesar de que xa transcorreron tres anos desde o anuncio, o desaloxo dos terreos da Xunqueira ainda non de efectivou nin se coñecen os prazos para que se realice.
No referido ás instalacións da Axencia Galega de Infraestruturas o proceso vai aínda máis lento pola nula vontade de colaboración do departamento de Vivenda e Infraestruturas. Ainda que na xuntanza que mantivo o alcalde co presidente da Xunta en outubro de 2023 Rueda amosou a disposición ao traslado das instalacións da Axencia Galega de Infraestruturas, a realidade é que transcorrido un ano e medio non se coñece ningún avance neste proxecto.
Nas próximas semanas, o BNG levará esta demanda a unha comisión parlamentaria para que o goberno galego explique que medidas vai tomar para facer efectivo este traslado ao longo dos anos 2025-2026.
Cómpre ter en conta que os dous terreos que ocupa de maneira irregular a Xunta suman 13.700 m2, que unha vez liberados permitirían crear unha grande zona verde de máis de 40.000 m2 entre a avenida de Domingo Fontán, a rúa Martin Códax e a canle da desembocadura do río Rons. A actuación serviría para darlle continuidade á que levou a cabo a Deputación de Pontevedra co traslado das instalacións da Imprenta e do Parque de Maquinaria, o que permitiu crear unha zona verde de 17.700 m2 á beira do río Lérez e da cidade.
Nas próximas semanas, o BNG levará esta demanda a unha comisión parlamentaria para que o goberno galego explique que medidas vai tomar para facer efectivo este traslado ao longo dos anos 2025-2026.