O BNG demanda no Parlamento galego a adopción de medidas para garantir unha atención sanitaria digna en Cerdedo
Cerdedo-Cotobade, 11 de xaneiro de 2023. “O Parlamento insta ao goberno galego a dotar dunha atención sanitaria digna a veciñanza de Cerdedo mediante a aplicación das seguintes medidas: atención sanitaria presencial todos os días en horario de mañá, cubrición das baixas para garantir a atención sanitaria de calidade, mellora da atención das urxencias e recuperación do servizo de pediatría”. Este é a parte resolutiva da Proposición Non de Lei presentada polos deputados do BNG, Montse Prado e Luís Bará no Parlamento galego para dotar dunha atención sanitaria digna á veciñanza de Cerdedo.
Os nacionalistas alertan que a atención sanitaria en Cerdedo vén sufrindo nos últimos tempos un continuo proceso de deterioro, degradación, precarización e supresión de servizos. Debido a que non se cobren as baixas do único médico do centro de saúde, a veciñanza non conta con atención todos os días da semana. Por outra parte, non existe servizo de pediatría e para atender nenos e nenas é preciso desprazarse até Tenorio ou Forcarei.
En contra dos discursos oficiais de promoción dos investimentos e servizos no rural, a realidade, en palabras do deputado nacionalista Luís Bará, “é que se reducen continuamente as prestacións en xeral e nun servizo fundamental como é o da saúde. Con este proceder do goberno da Xunta, vivir no rural estase a converter nunha cuestión de vontade decidida e de heroísmo, o que explica os procesos de abandono e despoboación que caracterizan a moitos concellos do interior do noso país”.
Montse Prado e Luís Bará alertan que esta situación de deterioro e de supresión de servizos básicos foi “reiteradamente denunciada pola veciñanza de Cerdedo, sen que por parte da Xunta e do Concello se adoptasen as medidas necesarias para corrixila”.
Ao longo do ano 2022 leváronse a cabo varias mobilizacións por parte da veciñanza e recentemente creouse a Plataforma Cerdedo Pola Sanidade Pública que ten como principais reivindicacións a atención sanitaria presencial todos os días en horario de mañá, a recuperación do servizo de pediatría, a mellora na atención de urxencias e a dotación dunha ambulancia medicalizada para a comarca.
Atención sanitaria presencial todos os días en horario de mañá, cubrición das baixas para garantir a atención sanitaria de calidade, mellora da atención das urxencias e recuperación do servizo de pediatría, demandas do BNG
Os deputados do BNG puxeron como exemplo da desatención na atención pediátrica, un feito acontecido no pasado mes de decembro, cando unha veciña da parroquia de Figueroa con crianzas de sete, cinco e menos de un ano viuse obrigada a acudir á consulta privada de pediatría no Carballiño diante da imposibilidade de conseguir cita nos centros públicos de referencia. O servizo de pediatría foi suprimido en Cerdedo fai máis de 2 anos, polo que é necesario desprazarse até Forcarei onde dous días á semana e dúas horas cada día atende unha pediatra, que a cotío ten o cadro de citas saturado.
Ademais da Proposición non de Lei, os deputados nacionalistas formulan as seguintes perguntas:
- Que medidas ten previsto adoptar a Xunta de Galiza para corrixir o deterioro, a precarización e a supresión de servizos no centro de saúde de Cerdedo e prestar unha atención sanitaria digna á veciñanza?
- Ten previsto o goberno galego prestar atención sanitaria presencial e garantir a atención médica todos os días?
- Ten previsto a Xunta dotar de pediatra o centro de saúde de Cerdedo?
- Ten previsto a Xunta mellorar a atención ás urxencias no ámbito do centro de saúde de Cerdedo?
Pola súa banda, o portavoz e candidato nacionalista á alcaldía de Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira, insistíu en que “desde o BNG non imos desistir e imos levar ás institucións e á rúa as veces que faga falta esta reivindicación, que é vital para os nosos veciños e veciñas. O PP ten que entender, dunha vez por todas que non se pode xogar co dereito á saúde dos nosos veciños e veciñas, e imos recordarllo día si día tamén até que muden a política de desmantelamento do servizo público de saúde que levan executando nos últimos 13 anos”