O BNG convida a Louzán a que asuma a necesidade de suprimir as deputacións
A deputada do G.P do BNG Carme Adán advertiu hoxe ao presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, que o único aforro e austeridade que se pode dar na estructura da administración local é o da supresión das Deputacións, non de reforzar estas estructuras obsoletas e recentralizadoras.
Carme Adán lamentou, na presentación dos orzamentos destas entidades, que Louzán falara como profeta dun novo mundo cando a realidade dese novo mundo na provincia de Pontevedra é a de menos liberdade, menos democracia e máis empobrecemento, pois se trata da provincia que está a cabeza no índice de paro, con máis de 110.000 desempregados ao remate de 2012.
A parlamentar do BNG convidou ao presidente da Deputación a que se quere falar da reforma da administración local que vai acometer o PP comece falando da supresión destas entidades.
Mais vostedes engadiu- o que queren é consolidalas para reforzar así a politica recentralizadora do PP, para ir rebaixando competencias ás Comunidades Autónomas e manter así unhas entidades cada vez máis ao servizo do PP, non dos concellos nin dos cidadáns.
Carme Adán denuncia o baleirado de competencias e de ingresos dos concellos a favor das Deputacións, que favorece que estas entidades poidan aplicar as políticas privatizadoras do PP en ámbitos como os servizos sociais
Neste sentido, Adán lembrou que de todos os recursos transferidos pola Xunta, a Deputación de Pontevedra só adicou unha parte mínima aos concellos, unha inversión que foi diminuindo ao longo dos anos, de tal xeito que pasou do 20 por cento en 2008 ao 1 por cento previsto para 2013 (10,4 en 2009; 9,1 en 2010; 2,6 en 2011 e 2,5 en 2012).
Para a deputada do BNG, a estratexia de Louzán non é a de colaborar cos concellos senón baleiralos de competencias, evitar que xestionen servizos, como os servizos sociais, como o servizo de teleasistencia a maiores, porque o PP ve ahí nicho de mercado para poder privatizar e mercantilizar todo o que ten a ver con ditos servizos sociais.