TRÁTASE DUNHA ACTUACIÓN IMPRESCINDIBLE PARA MELLORAR A CALIDADE URBANA EN TODA A ZONA

O BNG consigue en Costas desatrancar o vial de Mollavao

O BNG consigue en Costas desatrancar o vial de Mollavao

Pontevedra, 22 de novembro de 2023. O concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera informou que o Concello de Pontevedra vén de recibir a autorización de Costas para a construción do acceso entre a avenida de Marín e Rosalía de Castro (na parcela dos circos) que permitirá a urbanización da rúa entre Manuel del Palacio e a ponte do tren. O documento, suxeito a unha serie de xustificacións “menores” por parte do Concello, enmárcase nas xestións realizadas pola concelleira de Urbanismo e senadora, Carme da Silva para desatrancar o proxecto.

Neste documento Costas pon unha serie de condicionantes que ten que aceptar o Concello de Pontevedra para que esa concesión sexa definitiva. En concreto, solicita que se lle comunique se Adif informou sobre o proxecto (dado que se atopa ao carón da ponte do ferrocarril), se están contestadas as alegacións xa que se abriu até un terceiro prazo de alegacións “o que parece que a vontade non era exactamente darlle para adiante ao proxecto”, matizaba Mosquera; debe que xustificar os efectos sobre o cambio climático “que parece non ter maior complicación porque a obra está fóra da liña de Costas”, o compromiso de que o Concello solicitará no futuro a concesión da avenida de Marín, e facer unha aclaración sobre os lindes polo proxecto de mellora que a Xunta está a facer na estrada vella de Marín.

“En principio son todas cousas menores”, explicou César Mosquera quen aclarou que “esta comunicación é un trámite obrigatorio, necesario, e que demostra a vontade de Costas de facer esa concesión”.

O alcalde deu orde para que todos os servizos implicados se poñan a traballar para que estas peticións estean todas contestadas no prazo de dez días, e non perder un minuto máis no proxecto de reforma de Rosalía de Castro.

“En resumo, salvo sorpresa desagradable, a día de hoxe imprevista, a concesión de Costas co que supón de construción dese pequeno tramo e de mellora de Rosalía de Castro está en vías de solución, que despois do que pasaron os veciños e as veciñas e o Concello é unha gran noticia” concluía o concelleiro de Infraestruturas, que non quixo despedirse sen recordar que “Carme da Silva bateuse o cobre moi duramente para logralo”.

O BNG consigue en Costas desatrancar o vial de Mollavao