O BNG celebrará os 25 anos do inicio da transformación de Pontevedra
Pontevedra, 7 de xuño de 2024. O responsábel local do Bloque Nacionalista Galego en Pontevedra, Demetrio Gómez, compareceu este venres perante os medios de comunicación para facer público o anuncio dunha serie de actividades de distinta índole co gallo da celebración do 25 aniversario da chegada de Miguel Anxo Fernández Lores á alcaldía de Pontevedra.
Gómez rememorou a data do 13 de xuño de 1999, intre no que a veciñanza de Pontevedra decidíu “mudar o rumbo desta cidade”. “Hai outra data, tamén, que é significativa e que está moi próxima a esa, o 3 de xullo tamén do 99, Lores é investido alcalde”.
Pasaron 25 anos deses intres e o BNG quere celebralo. “Foi naquel no que Pontevedra comeza a pasar de ser unha cidade gris provinciana a ser este referente internacional que somos hoxe”.
“Somos un referente en calidade de vida”, subliñou o responsábel local, sinalando fitos de relevancia para a cidade, alén da transformación urbana, como a organización da Gran Final das Series Mundiais ou a inminente chegada dos Premios Feroz o ano que vén, amais de sinalar que Pontevedra cambiou mais nestes 25 anos que moitas outras cidades, ou que a inmensa maioría das cidades, en 50, citando ao alcalde.
Pinceladas sobre Lores no Pazo de Mugartegui
Até tres propostas distintas conmemorarán ese cuarto de século de enorme relevancia para o municipio do Lérez. Dunha banda, o vindeiro mércores 12 de xuño, ás 20 horas, no Pazo de Mugartegui, será presentado o libro “Unhas pinceladas sobre Lores”. Trátase dunha obra en papel que recolle diversos capítulos da vida do que Gómez cualificou como “o mellor alcalde que tivo nunca este concello”, e que permite ollar esa mistura política e persoal que é o seu relato vital.
O libro, escrito por María Núñez e César Mosquera será presentado nesa data, a través dun acto coa xornalista e escritora Ana Cabaleiro e os autores da obra, que manterán unha charla sobre a súa creación e contido.
Videos nas redes sociais
Uns días despois, o 17 de xuño, iniciarase a publicación de tres vídeos nas redes sociais do BNG de Pontevedra que inclúen distintas reflexións de persoas mozas que este 2024 cumpren os seus 25 anos sobre como ven a cidade e como esperan vela no futuro.
Acto público no Teatro Principal
Por último, o sábado 22 de xuño, ás 20 horas, no Teatro Principal, realizarase un acto público aberto, que contará coas intervencións do alcalde e da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.