A Aula do Teatro municipal de Pontevedra inicia unha xira nas parroquias coa obra ‘Tiqtoqueiras’
Pontevedra, 7 de xuño de 2024. A Aula de Teatro Municipal de Pontevedra (ATM) comeza un período de actuacións polas parroquias de Pontevedra para presentar o seu último espectáculo ‘Tiqtoqueiras’, unha obra de creación propia, que foi preestreada no Espazo Xove de Vilagarcía no mes de maio.
O sábado 8 de xuño, ás 19.30 horas, a Casa da Cultura de Lérez acollerá o espectáculo da ATM e o sábado 15, a función vai desenvolverse no Centro Social dos Campos, en Mourente, ás 21.30 horas. As actuacións son de entrada libre e de balde ata completar a capacidade dos recintos.
Críticas ás redes sociais
‘Tíqtoqueiras’ é un espectáculo escrito polas intérpretes afeccionadas que integran o elenco, composto por 15 actrices e un actor, con idades comprendidas entre os 25 e os 65 anos. Desde setembro elaboraron os textos, recibiron formación teatral de base e realizaron ensaios conxuntos, baixo a coordinación de Anxo Lourido, coa finalidade de poñer en marcha esta montaxe.
Ambientada nun manicomio virtual, ‘Tiqtoqueiras’ ofrece unha reflexión cómica sobre as diferentes teimas e dependencias que se derivan do uso permanente e enfermizo das redes sociais e do teléfono móbil.
O espectáculo, adaptable a diferentes espazos, ofrece humor, música festiva e crítica social durante unha hora de función cargada de sorpresas e de personaxes singulares con moito seguimento dentro das fórmulas comunicativas actuais.
A proposta mestura o tradicional co virtual combinando referencias a Rosalía de Castro e á cantante Rosalía de “Malamente”, achegándose ás novas maneiras de comunicarse a través de Instagram, de TikTok ou de Youtube.
Traxetoria da ATM
A ATM é un espazo de formación teatral, dependente da concellería de Cultura do Concello de Pontevedra, polo que teñen pasado máis de 200 persoas para dar os seus primeiros pasos na escena. Bea Campos, Pía Nicoletti, Santi Cuquejo, a cantante Laura Cruxeiras ou o actor de dobraxe, Antonio Morillo, iniciaron a súa andaina artística na ATM de Pontevedra.
A Aula realiza diferentes actividades desde o ano 2000, obtendo premios en certames teatrais como o de Reinosa (Cantabria), Villacañas (Toledo), Laxe, Cabana de Bergantiños ou Campo Lameiro.
Colabora habitualmente en espectáculos da formación pontevedresa Os de Algures e ten representado exitosas propostas nas rúas con xogos populares nas recreacións da botica de Ravachol durante o Entroido ou a montaxe ‘Rúas con Memoria’, con máis de cincuenta intérpretes, onde se ofrecían escenas de mulleres represaliadas, a partir de textos da escritora Montse Fajardo.