O BNG aposta polo uso diversificado, sustentábel e rendíbel do monte

19-10-30-
O BNG aposta polo uso diversificado, sustentábel e rendíbel do monte

A cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Carme da Silva, amosou o compromiso do Bloque Nacionalista Galego na defensa do uso diversificado, sustentable e rendible do monte galego. En concreto, a candidata manifestou o seu apoio á iniciativa dos grupos do BNG de Cerdedo-Cotobade e do BNG da Lama para a mellora do Monte do Seixo e o seu aproveitamento sostible.

Da Silva aplaudiu a campaña que se está a realizar para promover que o Monte do Seixo sexa espazo natural protexido LIC e Rede Natura 2000 co fin de que funcione como axente dinamizador do turismo verde e sostible para os dous concellos, e instou á cidadanía, asociacións, colexios e comunidades de montes a participar na xornada de limpeza que se realizará este sábado día dous de novembro.

A nacionalista lembrou que a día de hoxe o desleixo do monte é un dos principais problemas ambientais de Galiza, xa que está desprovisto dos coidados e controis por parte das administracións competentes á hora de mantelo nas mellores condicións posibles, o que provoca problemas de grande índole como os incendios forestais.

Segundo dixo Da Silva, Galiza ten experiencias de éxito que demostran que o monte pode ter un uso sostible e rendible a medio prazo, e falou das potencialidades que debe aproveitar o país coa diversificación de usos en lugar de mantelo supeditado aos intereses privados, entre outros, o “da produción de eucalipto e pasta”. “Pensamos que hai experiencias que demostran que o monte pode ter un uso máis diversificado e máis sostible pensando tamén no futuro. Iso pode ser rendible e máis beneficioso para o país”, dixo.

En concreto, sobre os montes comunais, a candidata lembrou que pode ser aproveitado con éxito potenciando os usos turísticos, patrimoniais e sociais, ademais de con cultivos complementarios como as olivas, trufas, castañas ou froitos silvestres,. Neste sentido destacou a creación de diferentes cooperativas que están a xerar emprego e a crear riqueza mediante un modelo de empresa social con moitos beneficios.

Así, tanto Da Silva como representantes do BNG de Cerdedo-Cotobade, convidaron a toda a veciñanza a participar no acto do sábado á fin de crear entre adultos e crianzas unha xornada de confraternización que ademáis vai ser un acto divulgativo dos valores naturais do espazo do Seixo e formativo no canto da recollida selectiva do lixo. Este convite estendérono aos colexios públicos, ás asociación veciñais e culturais e ás comunidades de montes dos concellos convocantes. O encontro das persoas participantes está previsto para as 10:30h no lugar das Piscinas Fluviais de Cerdedo da mañá do sábado 2 de novembro.

 

O BNG aposta polo uso diversificado, sustentábel e rendíbel do monte