O BNG anuncia unha oposición contundente ao PP e á Troika
Acompañada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a deputada Montse Prado, que se encargará dos temas da comarca, compareceu diante dos medios de comunicación en Pontevedra para expor as grandes liñas do traballo parlamentar do BNG, tanto a nivel xeral, como que se refire a Pontevedra e comarca.
En defensa do emprego, e contra a política de recortes
Ninguén dubida que a presente lexislatura se vai desenvolver nun contexto de crise económica, polo que o BNG, en palabras de Montse Prado centrará parte da súa actividade en buscar solucións aos problemas que están a afectar, de forma dramática, a miles de persoas e colectivos.
Pero o BNG fará ademais propostas de fondo calado político, presentando alternativas que dean resposta a cuestións estruturais que posibiliten un verdadeiro cambio de rumbo: conquistar a soberanía, para vivir e traballar dignamente na nosa terra, termos capacidade de decidir e fomentar participación democrática da cidadanía.
Nun contexto social dramático, con 270.000 persoas en paro no noso país, o emprego vai ser eixo central do traballo parlamentar e social do BNG, con iniciativas que apoien aos nosos sectores produtivos, xa que é a única forma de xerar riqueza e xerar emprego. E o BNG no Parlamento fará esta política en contacto cos grupos municipais, coa propia organización do BNG e coa sociedade no seu conxunto.
En coerencia con esta liña política, o BNG oporase frontalmente a política de recortes deseñada pola Troika e aplicada entusiasticamente tanto por Rajoy como por Feijóo.
Ence fóra da ría, si ou si
No que se refire á comarca de Pontevedra tres van ser os eixos básicos de actuación:
- A saída de Ence de Lourizán. Con contundencia, sen medias tintas, a deputada nacionalista afirmou que Ence ten que saír da súa actual ubicación en Lourizán, si ou si. Instou á Xunta a que despois de tres sentenzas contrarias ao Plan Sectorial de ENCE, anule o citado plan e, en consecuencia, revise as autorizacións ambientais integradas concedidas ao amparo desde Plan. Ao mesmo tempo, Montse Prado insta á Xunta a que se opoña a calquera modificación lexislativa que posibilite a continuidade de Ence na ría, en referencia expresa á modificación da Lei de Costas que está a preparar o goberno do Estado.
- A defensa do comercio, por todo o que significa en creación de emprego, en xeración de riqueza e en dinamismo social. Neste sentido, o BNG esixirá a derogación do decreto do Estado que invade competencias de Galiza e liberaliza aínda máis o sector, ampliando horarios e tempo de rebaixas. "O que necesita o comercio son liñas de creto e incentivos ao consumo, xusto o contrario do que está a facer o PP coa suba do IVE, a redución dos salarios, ou a eliminación da paga extra de nadal aos funcionarios.
- A defensa dos servizos públicos e e, concreto, no que se refire á nosa comarca na aposta pola ampliación de Montecelo e a paralización da construción dun hospital privado en Monte Carrasco.