O BNG alega contra os parques eólicos de Sistesas e Ventoburgo que afectan a sete parroquias de Cerdedo-Cotobade

Anxo Santomé, Ernesto Filgueira e Ana Peralba
Anxo Santomé, Ernesto Filgueira e Ana Peralba
O BNG alega contra os parques eólicos de Sistesas e Ventoburgo que afectan a sete parroquias de Cerdedo-Cotobade

Cerdedo-Cotobade, 19 de xuño de 2025. O BNG vén de presentar alegacións contra os proxectos de parques eólicos de Sistesas e Ventoburgo, que afectan no noso concello a sete parroquias (Tomonde, Figueroa, Castro, Quireza, Parada, Folgoso e Cerdedo), 187 parcelas e 8 comunidades de montes.

O portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira, lembra que “na zona afectada por estes proxectos de parques eólicos existe unha sobremasificación eólica feita sen unha planificación racional do territorio e que, de levarse acabo, afectará a zonas rurais de valor estratéxico, natural e cultural”.

Filgueira pon de relevo que o proceso de tramitación non garante o dereito á participación pública efectiva, ao non consultarse previamente nin aos concellos nin á poboación afectada, e ao existir tan só trinta día para analizar os 6,28 gb de información do expediente, co que se aumenta a indefensión da cidadanía.

No caso do parque eólico de Ventoburgo, o portavoz do BNG lembra que parte da infraestrutura coincide coa zona onde a Xunta de Galiza xa emitira unha EIA negativa para o proxecto Cabanelas (expediente 2023/0001), no que se afirma que “unha vez completada a análise técnica do expediente de avaliación de impacto ambiental e á vista de dous informes desfavorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e dous concellos de Forcarei e Cerdedo-Cotobade, e as precaucións establecidas polo resto dos dous organismos, considérase que a actuación prevista non é ambientalmente viable xa que se propón formular a declaración de impacto ambiental desfavorable do proxecto”.

Ernesto Filgueira: “Estes proxectos implicarían unha profunda transformación de zonas de alto valor ecolóxico e converteríase nun obstáculo importante para acadar os obxectivos de conservación establecidos pola Estratexia de Biodiversidade da UE para 2030"

Pola súa banda, o parque eólico de Sistesas presenta un impacto significativo sobre os hábitats e as especies protexidas xa que na súa área de implantación proxectada alberga hábitats de interese comunitario (HIC), como bosques atlánticos de frondosas (código 9230) e matogueiras secas europeas (4030), non avaliados nin cartografiados adecuadamente no estudo de impacto ambiental. Identificáronse zonas de nidificación, caza e pastoreo de especies ameazadas: aguia real (Aquila chrysaetos), falcón peregrino (Falco peregrinus), curuxa real (Strix aluco) e morcegos forestais, o que infrinxe o artigo 54 da Lei 42/2007 (biodiversidade). O parque está situado perto de zonas de especial interese para a conservación, ao que esixe a aplicación do principio de precaución (artigo 2 da Lei 21/2013).

A pesar das afirmacións da Avaliación de Impacto Ambiental, o proxecto supón graves impactos negativos: unha perda significativa e irreversible de terreos naturais, degradación dos ecosistemas e servizos ambientais, consumo intensivo de materiais e uso do solo, mortalidade da fauna silvestre e perda de hábitat, riscos de efectos ecolóxicos en cascada que non se poden compensar e un maior risco de incendios forestais debido á complexidade da súa extinción ao ter os aeroxeradores, alturas de entre 150 a 200 metros.

En definitiva, afirmou o portavoz do BNG, “estes proxectos implicarían unha profunda transformación de zonas de alto valor ecolóxico e converteríase nun obstáculo importante para acadar os obxectivos de conservación establecidos pola Estratexia de Biodiversidade da UE para 2030”.

“Os proxectos presentados e as súas liñas de evacuación son altamente prexudiciais para o benestar, a saúde e a calidade de vida das persoas residentes que viven e traballan nas zonas directamente afectadas A excesiva proximidade dos aeroxeradores e das plataformas eólicas terrestres provoca problemas de saúde física e psicolóxica, como ruído, efectos de sombra e campos electromagnéticos”, concluíu Filgueira.

O BNG alega contra os parques eólicos de Sistesas e Ventoburgo que afectan a sete parroquias de Cerdedo-Cotobade