O BNG acusa a Cubela de manipulador

IMG_0170
O BNG acusa a Cubela de manipulador

Cerdedo-Cotobade, 1 de decembro de 2020. Ernesto Filgueira declárouse sorprendido polas declaracións que, sen rubor, lanzou Jorge Cubela acusando sibilina e demagoxicamente ao BNG de non apoiar aos autónomos e pequenos empresarios, algo que, en palabras do portavoz municipal do BNG “non ten nada que ver coa realidade”.

Filgueira lembra que na sesión plenaria desta mañá -recollido en acta- expresou claramente que “o BNG o que quere é que sexan todas as administracións dende o Concello, Deputación, Xunta e Estado as que saquen liñas de axudas directas para que se reactive o tecido económico tan maltratado como consecuencia da pandemia actual e traballen por dar solucións ás necesidades actuais”. Evidentemente, unhas administracións teñen máis competencias e responsabilidades que outras, e as que máis, obviamente, a Xunta de Galiza e o Goberno do Estado.

O BNG compromete todo o apoio do grupo nacionalista aos autónomos, pemes e traballadores afectados pola pandemia.

“Quero lembrarlle, sr. Cubela, -dixo o portavoz nacionalista- que vostede e o seu grupo votou en contra no pleno do 28 de maio dunha iniciativa do BNG que pedía:

  • Instar a Xunta de Galiza á iniciar a elaboración dun plan galego de reactivación económica, consensuado con todas as administracións, forzas políticas, axentes e sectores sociais. Este plan debe delimitar claramente as competencias das distintas administracións, para evitar duplicidades e baleiros no emprego dos recursos públicos.
  • Instar á Xunta de Galiza á elaboración con urxencia dun plan galego de axudas, que complemente as medidas do estado, a autónomos e pemes.

Quen é pois quen non defende ás pemes e autónomos, sr. Cubela? Quen queremos que quen ten competencias e responsabilidades as asuma ou quen, como vostede e o seu grupo, por obediencia debida se opoñen a que a Xunta exerza o papel que lle corresponde?".    

Filgueira lamenta a demagoxia de Cubela, e a súa falta de lealdade cunha liña de traballo e actuación política do BNG que sempre se caracterizou polo rigor, a seriedade e o compromiso. Lembra o Filgueira que o Bloque leva realizando propostas e entablando negociacións e colaboracións habitualmente co goberno local para tentar mellorar os servizos públicos e a vida dos veciños e veciñas.

Ernesto Filgueira lémbralle que o PP votou en contra no Parlamento dun fondo de rescate de 200 millóns de euros para pemes e autónomos que si daría resposta á actual situación de emerxencia

O BNG convida a Jorge Cubela a que non utilice a Ernesto Filgueira como peón na súa particular batalla partidista coa administración provincial e que non volte utilizar a situación dramática dos autónomos e pequenos empresarios para facer política rastreira e demagóxica da que o BNG non participa nin participará nunca. Lembrámolle a Cubela que as medidas adoptadas pola Xunta de de Galiza son a todas luces insuficientes e que o PP votou en contra no Parlamento dunha iniciativa do BNG que solicitaba 200 millóns de euros para un plan de rescate a pemes e autónomos.

Mellorar a sanidade pública en Cerdedo-Cotobade

Ernesto Filgueira lémbralle a Cubela que “pode criticar todo o que queira á Deputación -por certo unha institución que nestes dous últimos mandatos aporta infinitamente máis ao Concello que en toda a historia co PP á fronte da institución provincial- pero que debería, como alcalde, levantarse contra a Xunta de Feixóo e reclamarlle non só un paquete de axudas máis importante para os colectivos afectados pola pandemia, senón tamén a mellora na sanidade pública que o noso concello precisa con urxencia (facultativos en Cerdedo, pediatras para Carballedo e Tenorio, unha matrona ou que o SERGAS contrúa un Centro Médico digno tal nome en Carballedo…). 

"Cando decida erguerse en defensa dos dereitos e dos intereses dos veciños e veciñas de Cerdedo Cotobade, terá sempre o BNG ao seu carón. Pero mentres continúe resgardándose na política ruín da mentira, da terxiversación e das medias verdades, con nós que non conte. É unha magoa que o alcalde decida axeonllarse e mirar cara outro lado diante das políticas agresivas da Xunta cos servizos públicos, en especial da sanidade. Temos moitas necesidades, mais temos tamén un alcalde que non está disposto a plantarlle cara ao seu xefe de filas e reclamar o que en xustiza nos corresponde”, afirmou o portavoz nacionalista.  

O BNG acusa a Cubela de manipulador